Tres firmas galegas amosarán innovación de seu no Web Summit 2016

mércores, 5 de outubro do 2016 Redacción

Hai presenza galega no grupo de empresas seleccionadas para participar no Web Summit 2016, a nova edición gran xuntanza internacional entre compradores e vendedores de tecnoloxía (unha cita inmellorábel para coñecermos as start-ups máis innovadoras do mundo). Máis polo miúdo, a embaixada galega está constituída por Kiply(start-up dedicada á creación de software de produtividade persoal para profesionais e empresas), Twibex35 (unha aplicación que transforma conversas nas redes sociais en sinais de trading en bolsa) e Xesol Innovation (unha empresa de I+D+i centrada no sector do motor). Estas tres novas firmas terán no Web Summit unha importante oportunidade para exhibir os seus produtos e servizos xunto ás compañías líderes da industria tecnolóxica mundial. A cita será en Lisboa entre o 7 e o 10 de novembro. O Web Summit é para moitos expertos en innovación o evento tecnolóxico máis grande e referencial de Europa.
De feito, para que nos fagamos unha idea da súa envergadura e repercusión, este ano a previsión é que conte con máis 50.000 asistentes procedentes de 150 países, todos eles coincidindo arredor dunha temática (a gran revolución 4.0 da industria tecnolóxica) e coa arela común de partillar coñecemento arredor dela. As empresas emerxentes que concorran no encontro, amais de amosar os seus enxeños, terán ocasión de atraer investidores e entrar en contacto cos profesionais e empresas máis referenciais e innovadoras do mercado. Empresas como Google, Facebook, Dropbox ou Amazon, que compartirán espazo con boa parte das novas firmas de meirande potencial de proxección, algunhas xa consolidadas (como Spotify, Uber ou Stripe) e outras en camiño de afianzárense.

PUBLICIDADE