Tres firmas innovadoras de Yuzz Santiago e Lugo participaron na final do reality Enfoca-2

luns, 29 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Os impulsores de OpSeeker e E-Wear

Os centros Yuzz de Santiago e Lugo están de celebración. E non é para menos. Máis polo miúdo, dúas firmas innovadoras que contan con acubillo e palestra no centro compostelán (E-Wear e OpSeeker), e outra na de Lugo (Legalmit), foron seleccionadas para participar este sábado na final do reality televisivo Enfoca-2, que se desenvolveu en Madrid. E fixérono tras seren seleccionadas entre 246 empresas de novas creación, start-ups. Na final, un total de 10 proxectos tentaron conseguir o apoio e o financiamento dalgún membro do grupo de investidores que conformaba o xurado do programa. Entre os investidores atopábanse empresas e entidades referencias a nivel estatal e internacional, como o ICEX, Telefónica Open Future, Blusens, Caja Rural Zamora, Alsa National Express, TAIGER, Itika, Dental Com, Gerosol, 1A Igenieros, Míster Nutrición, Altran e a Xunta de Castela e León.
Os dous proxectos participantes por Compostela foron E-Wear e OpSeeker. O primeiro, informa Yuzz Santiago, é unha iniciativa de dous emprendedores novos, estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos García Campos (estudante de ADE) e Ángel Rodríguez Cerdeira (estudante de Enxeñaría Informática). Segundo informaron Carlos e Ángel, E-Wear “é un asistente persoal para persoas con principios de alzhéimer e da terceira idade co obxectivo de mellorar o día a día tanto delas como dos seus coidadores ou familiares”. Trátase, engadiron, dun proxecto que naceu da necesidade persoal dos emprendedores, que sufriron nas súas familias os problemas da vellez.
Opseeker, pola súa banda, é unha start-up constituída en Santiago de Compostela destinada a mellorar o sistema actuais e vindeiros de asesoramento financeiro. Vén da man de Gonzalo Camiña Ceballos de 28 anos e Lucie Hefnerová de 27 anos, que sitúan a orixe da súa iniciativa nos cambios demográficos que está a experimentar a sociedade na que vivimos, uns cambios que sitúan o aforro e o investimento particulares como claves “para mantermos” unha boa calidade de vida no futuro. O seu proxecto consiste nun planificador financeiro en liña que asesora en que debemos investir ao tempo que fornece un ambiente 100% seguro para que poidamos probar as estratexias de investimento para longo prazo sen ningún tipo de risco.

As creadoras de Legalmit

O proxecto de Yuzz Lugo, Legalmit, promovido polas irmás María e Leticia Seara constitúe unha firma tecnolóxica de base xurídica que nos permite conectar a tempo completo con avogados cos que poderemos realizar acordos legais, en liña e perfectamente válidos, a través de vídeo conferencia certificada.
Este tres empresas tiveron a oportunidade de mostrar o talento galego, demostrando “unha vez máis que Galicia atópase á cabeza en canto á xeración de proxectos tecnolóxicos que contribúen cambiar o mundo que nos rodea”, explicaron dende Yuzz Santiago e Lugo.
Yuzz, como lembraremos, é unha iniciativa do Banco Santander a través do Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) e que conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (nos Campus de Santiago e Lugo) e a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE