TriCaster Mini, o novo estudio portátil de realización de vídeo de NewTek

martes, 7 de outubro do 2014 Marcus Fernández

A realización de contidos audiovisuais é cada vez máis doada de realizar en case calquera lugar sen ter que empregar unidades móbiles tradicionais mediante solucións como a que vén de presentar NewTek, a nova TriCaster Mini, que vén a ser unha especie de estudio de gravación portátil que facilita que unha presentación poida conseguir a aparencia dunha retransmisión televisiva en cuestión de minutos, resultando ideal para a realización de streaming a través da Rede ou para a proxección durante eventos públicos, aínda que tamén pode empregarse para a realización de producións en contornos virtuais ou a gravación de entrevistas multi-cámara.
Coa TriCaster Mini pódese mesturar o sinal de varias cámaras en directo, engadir gráficos, clips de vídeo, audio, títulos e efectos especiais e, en definitiva, traballar como nun estudio de televisión, pero coa facilidade de poder trasladar o equipamento de realización de xeito doado, xa que vén a ocupar practicamente o mesmo que un ordenador de sobremesa tradicional, permitindo incluso adquirir unha versión que integra unha pantalla na súa propia torre, que tamén inclúe 4 entradas HDMI, 2 saídas HDMI (primarias), saída DVI e HDMI (para conectar pantallas externas ou proxectores), entrada de micrófono, entrada de liña (esquerda e dereita), saída de liña (esquerda e dereita), toma para auriculares, 4 saídas de vídeo, 4 portos USB 3.0, 2 porto USB 2.0, 1 porto PS/2 e un porto Gigabit Ethernet. Todo isto integrado nunha caixa de 23,4 x 20,1 x 11,7 centímetros e un peso de 4,1 quilos, deixando clara a súa decidida aposta pola portabilidade.
Esta solución de realización multimedia sae á venda na súa versión máis básica por 5.995 dólares (4.736,96 euros), mentres que o modelo co monitor integrado e capacidade de disco para gravar até 45 horas véndese por 7.995 dólares (6.317,26 euros). Adicionalmente tamén venden unha superficie de control por 2.495 dólares (1.971,43 euros) e un lote ce 4 cables HDMI de 30 metros de lonxitude por 495 dólares (391,13 euros).

PUBLICIDADE