Trías de Bes fai un chamamento dende Santiago a retomarmos a senda da innovación logo da crise COVID

mércores, 28 de xuño do 2023 S. P.

FEUGA organizou este martes 27 de xuño un encontro con Fernando Trías de Bes, economista, experto en innovación. No acto tamén participaron representantes da Universidade e do mundo empresarial. Celebrouse na sede da Fundación baixo o epígrafe Xestionar e innovar en tempos de inflación. O relator fixo un chamamento a reactivar a maquinaria da creatividade empresarial logo do período de incerteza imposto polo coronavirus.
“Xa podemos volver innovar. Foron 3 anos nos que moitas organizacións desde a COVID pararon máquinas, frearon moitos proxectos e houbo un grao de incerteza moi alto. Eu creo que xa podemos pasar páxina. A incerteza segue, pero sempre foi así. A mensaxe é que as augas xa volven ao seu leito e, por tanto, poñamos en marcha a maquinaria de innovación”
Este é a mensaxe que o economista e experto en innovación, Fernando Trías de Bes, quixo lanzar na celebración do novo capítulo do ciclo Encontros con…, organizado por Fundación Empresa Universidade Galega. Un evento no que estiveron presentes, entre outros, o reitor da universidade de Santiago, Antonio López, o director xeneral de FEUGA, Javier Pereiro, e representantes do mundo universitario e empresarial de Galicia.
Durante a súa exposición Trías de Bes fixo un percorrido por 10 feitos aos que nos/nos enfrontamos desde o punto de vista económico e social e achegou outras tantas recomendacións para xestionar a innovación en cada un deles. Tras unha análise detallada da situación actual e as tendencias de futuro, Fernando Trías de Bes, apelou a superar o pesimismo alimentado polo “ruído” xerado ao longo de todo este tempo. “Había moito ruído e a inflación o ano pasado asustou moito, porque vimos unha subida de luz moi forte. Houbo un movemento de fenómenos sociais e magnitudes económicas que non se arranxa en 3 meses. Pero cómpre entender todo isto como unha resaca. so está xa regularizándose e por tanto son optimista. Imos contendo os prezos, a inflación vai ir decrecendo de xeito paulatino e a maioría dos indicadores macroeconómicos mantéñense. Isto é máis unha desaceleración ca unha recesión e o ano para España vai ser bastante bo”, destacou o economista durante a súa intervención en FEUGA.
Porén, Fernando Trías de Bes advertiu de dous “nuboeiros” aos que temos que facer fronte: acabar de dominar a inflación e os tipos de xuro. “Estamos nun momento bisagra”, asegura. O economista resaltou que a inflación non afectou por igual a todo o mundo e o realmente preocupante é a desigualdade que se xera, “porque hai xente que vai quedando atrás e isto non é gratuíto. Está a haber un empequenecemento da clase media e iso é tremendamente perigoso”. Neste sentido destacou o papel do Banco Central Europeo ao que denominou “os emperadores do século XXI”. Neste caso, engadiu, “o BCE está a soster a débeda pública de case todos os países de Europa para que o gasto social e os dereitos sociais de educación, de sanidade non estean en risco”. Na súa opinión é “o gran garante da socialdemocracia”, porque “a desigualdade trae a desestabilización social, trae os populismos e ao final o que está en risco é a democracia. Por eso o papel do BCE é fundamental, dixo.
O encontro foi presentado polo director xeneral de FEUGA, Javier Pereiro, que abriu o acto destacando o compromiso da Fundación coa sociedade e que tras máis de 40 anos segue “inalterábel”. Apelou á colaboración para facer fronte aos momentos de dificultade porque “só remando na mesma dirección conseguiremos seguir avanzando”. E engadiu: “Ese se cadra sexa un dos grandes valores que nos levou a estar máis de catro décadas traballando pola transferencia do coñecemento, polo emprego, pola innovación e pola investigación. Para iso contamos cun binomio cunha gran forza: o de universidade-empresa, que unifica o talento e o potencial para desenvolvelo e aproveitalo”, destacou.
Javier Pereiro resaltou tamén que “estamos nun momento cheo de incógnitas por despexar, pero tamén é verdade que sempre que hai dificultades hai oportunidades. E temos todo o necesario para aproveitalas: o talento, as ganas de emprender e unha aposta pola innovación”.