Trinta desenvolvedores de servizos públicos participaron nas sesións de Ponte GovJam

luns, 9 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Celebrouse esta fin de semana en Pontevedra, tal e como viñemos anunciando, o encontro-certame Ponte GovJam, edición galega dun evento internacional que se desenvolve en medio centenar de países e que se coñece como Global GovJam. O evento pontevedrés, no que participaron 30 persoas, compartiu as arelas e os obxectivos do programa xeral no que se insire: convocar a cidadáns, funcionarios públicos e especialistas en innovación coa finalidade de deseñar e dar forma a servizos públicos en só 48 horas. Este traballo realízase en grupos e en base a un reto comunicado o día anterior para tódalas edicións internacionais do evento. Nesta edición, o reto foi a palabra (T)RUST, confianza-ferruxe.
Todos os proxectos foron compartidos baixo licenza Creative Commons na páxina global de GovJam, www.govjam.org, onde se poden consultar tamén os proxectos dos participantes do resto de países, un total de 48.
Por certo que a edición pontevedresa do certame desenvolveuse baixo o lema Non falar, facer, e nela contouse co asesoramento e coordinación de África Rodriguez e Maria Pierres, xestoras de Espazo Arroelo, sede de Ponte GovJam e espazo de coworking para novos profesionais e novas iniciativas empresariais da cidade. Tamén se contou coa colaboración dos mentores Pablo López, Raquel Pedrouso, José Romero Crusat, Diego Parajó e Roberto Pérez Marijuan, expertos en desenvolvemento de proxectos e adestramento.
No encontro participaron persoas de diferentes idades e diferentes sectores, segundo informan os organizadores “non necesariamente relacionados coas políticas públicas, pero cunha actitude aberta cara á planificación estratexia e a innovación na resolución de problemas”. O abano foi do máis amplo: dende unha nena de 14 anos que ten a súa propia empresa até consultores, pasando por estudantes e sonidistas, constituíndose unha “participación do máis satisfactoria e abríndose o camiño para a terceira Global Jam en Pontevedra, que xirará arredor da cuestión da substentabilidade”, informaron as coordinadoras do evento galego. Por certo que os prototipos de Smart Cities e eAdministración xerados ao abeiro deste evento (logo de diferentes ensaios, probas e traballos a pé de rúa cos cidadáns de Pontevedra) foron presentados na sede de Al Lío, unha das empresas colaboradoras con esta actividade, onde se repartiron os premios: á idea máis ousada, á máis solidaria, ao prototipo máis orixinal, ao máis viábel e ao que conta coa mellor experiencia de cliente.

PUBLICIDADE