Triste adeus a Miguel López El Hematocrítico
luns, 27 de novembro do 2023
Esta tarde, da man da súa
parella, sóubose do pasamento de Miguel López, coruñés máis coñecido como El
Hematocrítico ou simplemente Hemato, polo seu alcume en redes
sociais, chegando a converterse nun dos usuarios de Twitter máis relevantes de toda
España, especialmente pola súa actividade ao redor de programas de televisión
como ¿Quién quiere casarse con mi hijo?, ao que marcou fondamente ao
acuñar o termo tróspido, converténdose en todo un fenómeno social.
Hemato inicialmente combinou o seu traballo como profesor con outras
actividades ligadas á comunicación e á literatura, acadando bastante éxito con
libros como El Hematocrítico de Arte e Drama en el portal. Tal
foi a pulo que colleron as súas actividades secundarias que abandonou a
educación e, xunto a accións en redes sociais, podcasts e colaboracións con
medios de comunicación, destacou no eido da literatura infantil con obras como Feliz
Feroz, O lobo con botas ou Mi hermono, chegando o seu éxito
até Corea do Sur. Nesta etapa artística Miguel López tivo unha estreita
relación con Alberto Vázquez, ilustrador con 3 premios Goya polos seus
traballos no mundo da animación.
Tampouco podemos esquecer a participación de Miguel López no Carballo Interplay,
nos foros de debate #NeThinking na Illa de San Simón ou no Laboratorio
Audiovisual de Innovación Creativa (LAIC) enmarcado no proxecto Coruña Dixital,
polo que podemos consideralo un grande divulgador dos novos xeitos de comunicar
nacidos no contorno dixital, de aí que non sorprendan as moitas mostras de pesar que podemos ler na Rede polo seu pasamento.