Tropa Verde e o Concello de Santiago lanzan concursos de procura do tesouro

luns, 22 de maio do 2017 Redacción

A iniciativa ecolóxico-tecnolóxica Tropa Verde, impulsada pola empresa local Teimas e diferentes concellos da nosa terra (primeiro Santiago e logo Lugo, Ames, Redondela e O Porriño), está a xerar interesantes propostas de lecer e aventura a cabalo entre o urbano e o rural, entre o plano real das cousas que podemos ver e tocar e o dixital. Tropa Verde, que como lembraremos ten a arela recompensar o compromiso da cidadanía coa xestión sostíbel de refugallos electrónicos (e de todo tipo), vén de lanzar xunto co Concello dous concursos en Compostela. O primeiro convídanos a procurar un tesouro a través dun xogo de pescudas. O segundo, tamén unha actividade para buscar agasallos, invita aos usuarios a enviar fotografías que plasmen o labor de Tropa Verde ou algún aspecto vencellado ao medio ambiente.
A primeira proposta promete “fantásticos premios”. Consiste basicamente en descifrar pistas e completos retos que se irán publicando en Facebook, na páxina tropaverde.org e a través de correos electrónicos ás persoas inscritas en Tropa Verde. Con cada acerto, os participantes recibirán un anaco de fotografía que terán que completar e que os levará a un lugar, un día e una hora en concreto onde se repartirán os premios. A primeira persoa que chegue o lugar de encontro levará o cofre cheo de agasallos. Haberá outros dous galardóns para a segundo e o terceiro posto e sorteos entre todos os participantes. O período de participación comezou xa a semana pasada.
Polo que respecta ao segundo concurso, consiste en que cada participante, con cada acerto, reciba un anaco de imaxe. Esta foto deberá ser completada para que sirva de roteiro, ou sexa, de guía para levar aos concursantes cara un lugar e unha hora en concreto onde se repartirán os premios. A primeira persoa que remate primeiro de descifrar as pistas e atope o lugar de encontro levará o cofre cheo de agasallos. Haberá outros dous presentes para a segundo e o terceiro posto.

PUBLICIDADE