Trump adía 90 días máis os aranceis aos produtos chineses

luns, 11 de agosto do 2025 Redacción

O presidente dos Estados Unidos, Donald J. Trump, decidiu hoxe prorrogar por 90 días o prazo para que entren de novo en vigor os elevados aranceis sobre produtos chineses, segundo informou un funcionario da Casa Branca a CNBC.
A medida, formalizada mediante unha orde executiva asinada horas antes de que caducase o prazo, evita que este martes os aranceis regresasen aos niveis de abril, cando a guerra comercial entre as dúas maiores economías do mundo estaba no seu punto máis álxido. Nese momento, Washington aplicaba taxas do 145 % ás importacións chinesas, e Pequín respondía cun 125 % sobre os produtos estadounidenses.
As conversas mantidas a finais de xullo en Estocolmo polos equipos negociadores de ambos os países xa apuntaban a que se produciría unha extensión do prazo, que agora se prolonga ata mediados de novembro. En maio, despois dunha reunión en Xenebra, acordárase unha tregua que reduciu os aranceis estadounidenses ao 30 % e os chineses ao 10 %.
O anuncio volve evidenciar o carácter imprevisible da política comercial de Trump, que noutras ocasións impuxo taxas elevadas para despois recualas, modificalas ou suspendelas pouco despois.