Trump é partidario de non prohibir TikTok nos EE.UU.

luns, 23 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos días podía dar a impresión de que estabamos a realizar unha conta atrás para a prohibición de TikTok nos EE.UU., pero nas últimas horas as tornas podían ter mudado, xa que, segundo asegura Reuters, Donald Trump sería partidario a deixar operar a TikTok nos EE.UU., cando menos temporalmente. Estes comentarios teríaos realizado Trump fronte a un grupo de partidarios en Phoenix (Arizona), reforzando a tesa incluso da propia ByteDance de que o cambio na presidencia dos EE.UU. podería ser beneficioso para a plataforma social de orixe chinesa.
En calquera caso a situación aínda parece lonxe de solucionarse, pois a orde contra TikTok segue en vigor e non está claro como procederá Trump para poder anular a resolución do Senado.
Ao parecer, Trump tivo unha xuntanza co director xeral de TikTok, que sería a que tería inclinado a balanza a favor da compañía de propiedade chinesa, pese a que para o Departamento de Xustiza o control chinés de TikTok segue a ser unha ameaza para a seguridade nacional.
O máis curioso da situación é que agora é Trump quen sae na defensa de TikTok, cando na súa presidencia foi el mesmo quen asinou unha orde presidencial para forzar a que a compañía pasase a mans dunha compañía estadounidense.