Trump impide que Intel e outras compañías continúen a vender compoñentes a Huawei

luns, 18 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

O veto estadounidense a Huawei afectara inicialmente á cadea de subministros do fabricante chinés, aínda que algunhas compañías norteamericanas conseguiran licenzas temporais para poder seguir facendo negocios con Huawei, como Qualcomm e Intel, de xeito que podían seguir vendéndolle compoñentes para dispositivos que non tivesen conectividade 5G, pero nas últimas horas a situación mudou drasticamente, e a administración Trump estaría a comunicar aos provedores estadounidenses de Huawei a revocación da súa licenza temporal.
Dado que entre os provedores que deixarían de poder vender a Huawei está Intel, iso poría en perigo a liña de ordenadores persoais do fabricante chinés, que actualmente fai uso de procesador Intel, e que agora debería buscar provedores alternativos.
Aínda non se coñece a relación de licenzas que foron revocadas, pero parece que Trump está disposto a deixar a presidencia limitando ao máximo posible as relacións das empresas estadounidenses coas compañías chinesas que poden considerarse líderes a nivel tecnolóxico, de xeito que será a vindeira administración a que deberá decidir se segue na mesma liña ou corrixe o rumbo.

PUBLICIDADE