Trump ve posible a venda de TikTok a un grupo estadounidense

luns, 30 de xuño do 2025 Marcus Fernández

O presidente Donald J. Trump asegurou que conta cun comprador para TikTok, a plataforma de vídeos curtos prohibida nos Estados Unidos por representar unha ameaza para a seguridade nacional, e que segue operativa grazas a unha Orde Executiva presidencial considerada ilegal que vén de ser prorrogada ata o 17 de setembro.
Nunha entrevista emitida por Fox News no programa Sunday Morning Futures, presentado por Maria Bartiromo, Trump afirmou ter un grupo de «xente moi rica» disposto a adquirir a plataforma, aínda que non revelou a identidade dos interesados, adiantando que derá máis detalles nun par de semanas.
Dende o anterior mandato de Trump veñen a realizarse intentos de compra de TikTok por parte de compañías estadounidenses, pero dende ByteDance sempre responden que a súa plataforma non está á venda e, de feito, a operación precisaría sempre da autorización final do goberno chinés, dende o que insisten en non querer vender o seu negocio, que actualmente é a única plataforma social de éxito en Occidente que non é propiedade de compañías estadounidenses.
Curiosamente Trump foi un dos promotores da prohibición de TikTok nos EE.UU. (chegou a asinar a súa prohibición no seu primeiro mandato) pero actualmente ten unha postura a favor da plataforma chinesa, xa que xogou un papel relevante na súa campaña presidencial, dende a que pediu o voto mozo asegurando que impediría a prohibición de TikTok.