TrustED, coordinado por Gradiant, avanza no desenvolvemento da identidade soberana
mércores, 21 de maio do 2025
O proxecto TrustED, coordinado polo Centro Tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, deu importantes avances no desenvolvemento de identidade soberana e mellora da privacidade dixital europea. O centro galego coordina esta alianza europea e lidera o desenvolvemento de tecnoloxías que garantan a seguridade e privacidade da identidade dixital. Os 10 socios europeos de TrustED reuníronse os días pasados en Istambul para avaliar os primeiros 6 meses de traballo e trazar a folla de roteiro dos seguintes.
Os 10 socios europeos de TrustED (Enabling Trustworthy European Data Spaces through Self-Sovereign Identity and Privacy Preserving Technologies) xuntáronse en Istambul por primeira vez de forma presencial desde o arranque do proxecto para avaliar os primeiros 6 meses de traballo e trazar a folla de roteiro das seguintes fases.
Esta alianza europea, liderada por Gradiant, está enfocada ao fortalecemento dos protocolos de protección de datos. O centro tecnolóxico galego asume un papel fundamental no desenvolvemento de tecnoloxías que garanten a seguridade e privacidade da identidade dixital, impulsando un ecosistema que promove a confianza no intercambio de datos.
O papel de Gradiant consiste en desenvolver o deseño e prototipado de mecanismos de identidade soberana, así como o deseño e desenvolvemento de tecnoloxías para preservar a privacidade dos individuos no intercambio de datos persoais nos espazos de datos.
TrustED estrutúrase en tres bloques tecnolóxicos interrelacionados: a identidade dixital descentralizada, as técnicas de mellora de privacidade e os espazos de datos, co propósito de xerar servizos que fortalezan a seguridade e a confianza na contorna dixital. “O obxectivo é reforzar a seguridade e a privacidade nos espazos de datos para facilitar a súa adopción xeneralizada. Por unha banda, desenvolvemos sistemas de identidade dixital aliñados co novo regulamento eIDAS v2, o que garante que os datos persoais estean baixo o control dos seus verdadeiros propietarios: os propios usuarios; e doutra banda, investigamos a aplicación de mecanismos avanzados de privacidade que permitan o intercambio de datos sensibles entre os participantes dos espazos de datos, con plenas garantías de seguridade e respecto á privacidade”, explicou Jaime Loureiro Acuña, coordinador técnico do proxecto e responsable de Seguridade Avanzada do Dato en Gradiant.
O centro tecnolóxico vigués engade que TrustED busca “establecer un marco fiable e seguro para o acceso aos espazos de datos, permitindo a creación dun ecosistema de confianza para o intercambio de información e coñecemento”. Este ecosistema, sinala Gradiant, constrúese a través da aprendizaxe federada, unha estratexia que permite a diferentes entidades colaborar na creación de modelos de IA sen comprometer a privacidade dos datos. “Grazas á aprendizaxe federada poderemos adestrar un modelo de Intelixencia Artificial utilizando datos de diferentes entidades, como por exemplo hospitais, sen que eses datos teñan que abandonar a infraestrutura das entidades en ningún momento; o reto consiste en atopar un punto óptimo entre privacidade, precisión do modelo e o tempo necesario para o seu adestramento”, engade Loureiro.
Os socios españois de TrustED son Gradiant (líder do proxecto), Tree Technology e Fundación Cibervoluntarios. Con eles traballan: Infocert SPA e Cybersocial Lab de Italia; Fraunhofer, a través de dous departamentos diferentes: AISEC e ISST, de Alemaña; Promptly e Centro Hospitalar Universitario de Coimbra de Portugal; SESTEK de Turquía; e Fondazione Mondo Digitale (entidade asociada) de Italia.
Con case 4 millóns de euros de financiamento, no marco do programa Horizonte Europa da Comisión Europea, TrustED involucra a un equipo multidisciplinario, conformado por expertos en tecnoloxía, privacidade e seguridade, quen traballa en estreita colaboración para alcanzar os obxectivos expostos.