Tui e a UVigo formarán aos maiores en novas tecnoloxías

venres, 16 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Tui ten preparado un completo menú tecnolóxico-histórico-social para a recta final do verán, ao abeiro do Programa de Maiores, Mareas de Coñecemento e Experiencia que impulsan a Concellería de Formación e Emprego e a UVigo. Trátase de tres actividades formativas gratuítas para persoas de máis de 55 anos e a realizar do 23 ao 30 de setembro en horario de tarde. Contará cunha duración de 15 horas de ensino teórico e práctico a cargo de profesorado da Facultade de Ciencias da Educación e da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo. As tres actividades xirarán arredor da Historia de Tui, a vida saudábel e as novas tecnoloxías da información.
O primeiro curso, Arte e Historia, celebrarase o luns 23, de 17 a 19 h, cunha sesión divulgativa que abordará a zona monumental, o patrimonio xudeu, os contos e lenda da zona vella, e os pasadizos de canellas. O martes 24, de 16 a 19 h, celebrarase a parte práctica cunha ruta polo conxunto histórico.
O segundo seminario, Saúde, benestar e deporte constará dunha parte teórica o mércores 25 de setembro, de 17 a 19h , sobre a alimentación natural e saúde e unha segunda parte práctica o xoves 26, de 16 a 19 h, que consistirá na realización dunha ruta cardio-saudábel pola Senda do Lagartón.
Por último, no terceiro seminario, Tecnoloxía: uso de ferramentas no teléfono móbil, abordarase a configuración de teléfonos móbiles, WhatsApp, Facebook, apps de calendarios de vacinacións e medicacións, aplicacións móbiles de localización de persoas, apps de contaxe de pasos e actividades saudábes (calendarios de vacinacións e medicacións, petición de citas médicas, localización de persoas, etc). Será o venres 27 e o luns 30 de setembro combinando parte teórica e práctica.
A parte teórica dos dous primeiros seminarios desenvolverase na aula de San Domingos, e o terceiro seminario na aula CeMIT da Área Panorámica.
Ofértanse 50 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. Os interesados poden anotarse no Centro Municipal de Formación, de xeito presencial en Guillarei ou por teléfono de luns a venres de 9 a 14h ou no correo electrónico cfo@tui.gal enviando o seu nome e apelidos, enderezo e teléfono de contacto.

PUBLICIDADE