Turismo da Coruña permite visitar os monumentos da cidade en formato 3D
venres, 9 de febreiro do 2024
O Concello da Coruña, a través da Área de Turismo (Visit Coruña), pon a disposición de visitantes e residentes once experiencias dixitais en 3D que permiten acceder a monumentos e afondar no coñecemento da historia da cidade. Este servizo materialízase a través da aplicación local EidusCoruña, que brinda experiencias dixitais relacionadas co patrimonio e a historia da cidade herculina ás que se pode acceder desde a propia aplicación a través da web.
A ducia de experiencias dixitais posibilitan acceder a reconstrucións dos monumentos máis emblemáticos en 3D en distintas épocas da súa historia: Torre de Hércules, Castelo de San Antón, Castro de Elviña e Sistema defensivo da cidade. Tamén o contido serve para revivir as batallas máis importantes da cidade como a Batalla de Elviña ou o ataque de Norris-Drake, amais de achegarse como guía interactiva para visitar a Cidade Vella, o patrimonio modernista, o Camiño Inglés ao seu paso pola cidade e a ruta de faros e sinais marítimas. Os contidos están dispoñibles en galego, castelán e inglés. A nova app está financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.