Turismo da Deputación da Coruña presenta un espazo web adicado aos viños da provincia
luns, 24 de febreiro do 2025
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, presentou este 24 de febreiro, durante a inauguración oficial do encontro das IXP de Viño de Galicia, a páxina web viñosdacoruña.gal, un espazo en liña que recolle información sobre diferentes iniciativas enolóxicas da provincia que se caracterizan, sinalou, “pola súa excelencia e compromiso co territorio”.
Fíxoo durante esta segunda xornada dunha cita que contou con máis dunha vintena de actividades entre presentacións, catas e clases maxistrais, e coa presenza das principais adegas e IXP de Galicia, que se desenvolve no coruñés NH Finisterre.
Regueira explicou o obxectivo da páxina web e do propio encontro, que non é outro que “poñer en valor o territorio a través das persoas, a paisaxe e a gastronomía, como parte da nosa campaña A paisaxe que sabe, con este espazo que se converte nunha ferramenta máis para mostrar a excelencia da cadea agroalimentaria coruñesa”
Citou algúns exemplos deste traballo dos produtores que merece ser reivindicado, coñecido e recoñecido: “Unha adega de máxima eficiencia enerxética, un innovador espumoso, un pioneiro viño doce natural, a dedicación perfeccionista da enxeñeira agrónoma que investiga e pon en valor unha uva histórica, a paixón do mozo que logo de fuxir do mundo do viño familiar regresa cunha nova visión para transformar e levar a outro nivel a herdanza vitícola da casa, o encontro do viñedo coa historia nun caldo de homenaxe a un milenario achado arqueolóxico...”. Segundo engadiu, a web pretende ser o espazo “dun sector pequeno aínda en produción pero moi grande en potencial”.
O espazo viñosdacoruña.gal, apuntou, acubilla información sobre iniciativas enolóxicas de diferentes dimensións e graos de profesionalización, pero caracterizadas todas polo compromiso coa excelencia e o obxectivo de espremer os atributos e peculiaridades excepcionais das castes de uva cultivadas na provincia, “unha arela na que comparten protagonismo as vides, as propiedades distintivas que adquiren nas terras coruñesas onde son cultivadas e o traballo entregado dos adegueiros, baseado no esforzo, a honestidade e a aposta por unha innovación que non esquece a sólida raíz das tradicións familiares de longo alento”.
Na páxina web pódese atopar todos os datos sobre as dúas indicacións xeográficas que acolle a provincia, a Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Betanzos e a Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Barbanza e Iria. Inclúe tamén unha referencia menos coñecida para o gran público: a Ribeira do Ulla, a subzona máis recente da Denominación de Orixe das Rías Baixas, estabelecida no ano 2000, e que ten tamén localizacións na provincia da Coruña, en concreto nos concellos de Boqueixón, Padrón, Teo, Touro e Vedra. Ademais, recolle todos os datos das adegas integradas nestas IXP e DO, ademais de información actualizada sobre os viños que están producindo, referencias sobre a súa comercialización, entrevistas cos adegueiros, fotografías e vídeos divulgativos.