Turismo de Galicia e AGALBER impulsan a plataforma de reservas Bookalbergue
venres, 14 de novembro do 2025
O impulso das reservas online da rede de albergues privados do territorio galego é o obxectivo do convenio asinado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o presidente da Asociación de Albergues Privados de Galicia (AGALBER), Miguel Ángel Rodríguez.
Segundo explicou Xosé Merelles, a colaboración pretende entre outras finalidades, consolidar a plataforma Bookalbergue como o instrumento de referencia para a reserva de albergues privados no Camiño de Santiago.
Deste xeito, as dúas entidades buscan mellorar a experiencia do peregrino e tamén a xestión dos propietarios dos albergues, contribuíndo ademais á reforzar a competitividade do sector.
Merelles lembrou que “os albergues son unha modalidade de aloxamento extrahoteleiro e segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), entre xaneiro e setembro deste ano, aloxáronse nos albergues privados da comunidade un total de 928.450 persoas, un 4,6% máis que o pasado ano, que sumaron máis de 1 millón de noites, isto é un 2,1% máis que o pasado ano”.
AGALBER aglutina á maioría dos albergues privados situados nos distintos trazados dos Camiños de Santiago.
A colaboración permite avanzar na dixitalización do sector, “clave para a súa modernización e adaptación ás novas dinámicas dixitais”, sinalaron, engadindo que colaborarán deseñando “unha estratexia integral que inclúe accións de comunicación e redes sociais, mellora da experiencia de usuario, optimización e tradución da web a novos idiomas: alemán e francés, entre outros”.
Ademais, desenvolverase unha aplicación móbil e colaboracións externas con creadores de contido que permitirán ampliando o alcance en comunidades internacionais vinculadas ao Camiño de Santiago.
Esta colaboración vén a establecer e aproveitar sinerxías entre os implicados na xestión e desenvolvemento do Camiño de Santiago nun momento no que se está a preparar a celebración do vindeiro Ano Xacobeo 2027.
