Turismo de Galicia pon o foco nas redes sociais na súa nova campaña

martes, 18 de xuño do 2024 S. P.

Turismo de Galicia lanzou esta semana a actualización da campaña de promoción do destino que se pode ver xa en distintos soportes audiovisuais e gráficos e que actualiza a mensaxe para a temporada estival baixo o lema Pídeche Galicia. A renovación da campaña presenta a nosa terra como un “lugar sostíbel”, con importantes recursos naturais e culturais e “perfecto para desconectar”. A intención da Xunta é chega aos mercados nacionais e tamén internacionais que están sendo especialmente estratéxicos para Galicia como EEUU, Gran Bretaña, Portugal, Francia, Italia ou Alemaña.
Turismo de Galicia explica que “a campaña deste ano representa distintas situacións do día a día e, despois de ter como protagonistas unha oficina e un sofá nos meses anteriores, este verán a protagonista é unha cama que aparece descontextualizada no medio dun espazo natural; quérese plasmar deste xeito que os protagonistas teñen na cabeza unha vía de escape e desconexión en Galicia mentres están a realizar algunha tarefa cotiá”.
No eido nacional, a campaña de Turismo de Galicia actuará na Comunidade galega para estimular o turismo interno e tamén no conxunto de España con especial incidencia en zonas estratéxicas como Madrid, Euskadi, Asturias e Castela León. En termos de audiencia estímase que chegue a máis da metade da poboación española, que terá ocasión de ver os anuncios un promedio de tres veces. Nas comunidades limítrofes a Galicia ou de interese estratéxico a porcentaxe ascenderá ao 80% da súa poboación, que poderá ver os anuncios un promedio de seis veces.
Turismo de Galicia explica que o obxectivo é que campaña teña “tamén importante presenza internacional no eido dixital, a través de banners publicitarios e anuncios en medios de información, redes sociais e axencias de turismo en liña na procura de que a campaña obteña un impacto directo no incremento do número de turistas que visitan a nosa comunidade”. O obxectivo é “seguir afondando en mercados que están a ser especialmente estratéxicos para Galicia, tendo moi en conta que o internacional supón xa o 30% do turismo que chega á Comunidade e está a rexistrar importantes incrementos”. Traballarase, polo tanto, en mercados como EEUU e mercados europeos como Gran Bretaña, Portugal, Francia, Italia ou Alemaña.

PUBLICIDADE