Turismo de Santiago lanza un vídeo para axudarnos a resistir no confinamento

luns, 6 de abril do 2020 S. P.

Co fin de dar uns poucos folgos á cidadanía e axudala a fortalecer o seu compromiso de ficar na casa durante o Estado de Alarma, Turismo de Santiago vén de lanzar un vídeo na súa páxina web e nas súas redes sociais. O audiovisual chámase Ultreia e xira arredor do significado que ten esta palabra dende tempos da Idade Media: unha voz que que intercambia a comunidade peregrina para darse azos, valentía e coraxe no seu itinerario cara a metal final: Santiago de Compostela. Segundo fai saber o Concello, o berro Ultreia vén máis a conto que nunca nestes tempos de sacrificio: é un saúdo centenario para perseverar, resistir e seguirmos adiante.
No vídeo, o Camiño de Santiago quere ser unha metáfora do duro percorrido persoal que miles de millóns de persoas están vivindo nestes momentos. “Neste caso”, informa Turismo de Santiago, “o esforzo non é camiñar, senón quedar na casa”.
O vídeo elaborouse a partires de material audiovisual preexistente, especialmente dun audiovisual feito en colaboración co Grupo de Cidades Patrimonio de España. Optouse por esta opción e non por gravar novas imaxes no momento actual para colaborar tamén na redución de movementos de persoas nas rúas de Santiago nestes días nos que é preciso quedar na casa.
O vídeo conta con dúas versións, unha curta adaptada para a canle de Instagram, e outra máis longa para a páxina web de Turismo de Santiago, e para a canle de YouTube da entidade municipal. Ademais, estas dúas versións están dispoñíbeis en galego, castelán e inglés.

O novo vídeo de Turismo de Santiago

PUBLICIDADE