Twitch Prime regala Civilization IV

venres, 16 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Os usuarios de Prime de Twitch teñen estes días no seu botín a posibilidade de facerse de balde co xogo Sid Meier’s Civilization IV: The Complete Edition, todo un imprescindible dos xogos de estratexia por quendas desenvolvido por Firaxis Games e lanzado en 2005, data tras a que recibiu contidos adicionais que en 2009 combináronse nesta edición completa. Lembremos que os usuarios de Amazon Prime só teñen que ligar a súa conta de Amazon coa de Twitch para conseguir Twitch Prime sen custo adicional.
A promoción de Twitch Prime a través da que ofrecen Civilization IV de balde estará en vigor até o 21 de febreiro, sendo unha grande oportunidade para facerse cun título que superou os 6 millóns de unidades vendidas e que continúa a xogarse por milleiros de xogadores de todo o mundo, fieis a esta franquía nacida en 1991 para MS-DOS (e que adaptaríase logo a Windows, Macintosh, Atari ST, Commodore Amiga e varias consolas de videoxogos).

Estes días figura no botín de Twitch Prime o xogo Civilizacion IV

PUBLICIDADE