Twitch celebrará o Día da Muller cunha competición dun xogo de cociña

martes, 3 de marzo do 2026 Marcus Fernández

De cara á celebración do 8M dende Twitch Rivals anuncian unha competición patrocinada por Honda baixo o título de Women’s Guild United que está a provocar un grande rexeitamento xa que o xogo que escolleron para competir o Día Internacional da Muller non é outro que Overcooked 2, un título moi divertido e de grande calidade, pero que ao xirar entorno a cociña parece máis unha broma do Primeiro de Abril que un día para reivindicar o papel da muller no mundo dos videoxogos competitivos.
Resulta bastante rechamante esta torpeza por parte da xente de Twitch, que paralelamente está a organizar toda unha serie de contidos para todo o mes de marzo, destacando o rol de creadoras de distinto tipo. Un grande contraste, no que por unha banda colocan la balanza retransmisións centradas na diversión, a divulgación e a reivindicación das creadoras audiovisuais sobre videoxogos e, por outra banda, a organización dunha competición de videoxogos cunha escolla claramente machista, pola que espérase que dean explicacións nas vindeiras horas.

Aínda que Overcooked 2 sexa un título moi atinado para un evento divertido, escollelo para celebrar o 8M non parece ser o máis atinado

ACTUALIZACIÓN: Tras as críticas recibidas, dende Twitch responderon asegurando que non tiñan intención de causar malestar e consideran que a escolla de Overcooked 2 está xustificada polo seu énfase no traballo en equipo, a adaptabilidade e o liderado compartido.
Tamén comentan que o xogo foi seleccionado polas mulleres integrantes do Women’s Guild, aínda que non son poucos que apuntan a que o fallo foi a limitada relación de xogos para escoller, xa que os outros 3 títulos serían Expedition 33, Hollow Knight e Ultimate Chicken Horse, que non parecen moi acaídos para celebrar o Día Internacional da Muller nin para organizar unha xornada festiva.
Os responsables de Twitch consideran que o seu erro foi unicamente un fallo de comunicación, ao non indicar previamente que non foran eles os que elixiran o xogo para conmemorar o 8M, o que non deixa de ser unha verdade a medias, deixando claro que precisan ter máis tino no futuro.