Twitch permitirá facer directos en horizontal e vertical á vez

luns, 2 de xuño do 2025 Marcus Fernández

O pasado sábado botou a andar a TwitchCon en Rotterdam, evento que comezou cunha conferencia inaugural que Twitch aproveitou para dar a coñecer interesantes novidades para a súa plataforma de vídeo que nos últimos tempos tenta recuperar posicións apostando por mellorar a experiencia de reprodución dende dispositivos móbiles.
Unha das novidades máis importantes é o feito de que permitirá que os seus usuarios poidan realizar retransmisións en formato dual en vertical e horizontal, de xeito que un mesmo directo poderá verse de xeito tradicional en pantalla grande, pero tamén pode contar cunha vista optimizada para poder verse en vertical na pantalla do móbil. Para esta novidade chegaron a un acordo con Aitum, compañía que ten un engadido para facilitar os directos en horizontal e vertical simultaneamente dende OBS.
Twitch está a esforzarse para que os directos en vertical sexan cada vez máis completos, para que así os seus usuarios poidan tirar un maior proveito dun formato que ten moita forza en dispositivos móbiles e do que eran alleos.
Tamén resulta relevante o feito de que abriron unha listaxe de agarda para os usuarios que queiran gozar anticipadamente da posibilidade de retransmitir vídeo a 1.440p, o que é unha característica moi demandada por moitos streamers que habitualmente xogan a tal resolución, de xeito que nos seus directos non podía verse con fidelidade os títulos aos que están a xogar. Este formato que vai máis aló do Full HD incrementará as taxas de compresión e empregará un novo codificador HEVC, buscando así conseguir uns vídeos de maior calidade (aínda que sempre adaptándose á calidade de recepción dos usuarios, de xeito que a resolución reducirase para os espectadores que non poidan gozar das maiores resolucións sen retardos ou cortes).
O vídeo en 1.440p irá espallándose progresivamente nos vindeiros meses.