Twitter Blue adía o seu retorno

mércores, 30 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Tras ter que suspender os rexistros en Twitter Blue tras unha vaga de suplantacións de identidade con catastróficas consecuencias, Elon Musk anunciou que as subscricións ao servizo de pagamento recuperaríase o 29 de novembro, para garantir un bo funcionamento do sistema, anunciando despois que a reactivación adiaríase até o vindeiro venres, con selos de verificado de cores (dourado para empresas, gris para entidades gobernamentais e azuis para particulares), pero tras declarar a guerra a Apple, non parece que haxa unha data definitiva para o relanzamento, xa que agora Twitter quere evitar as comisións do 30% nos pagamentos dentro das aplicacións para iPhone.
Resulta bastante difícil de explicar como Musk se decata agora de que existen comisións na App Store, cando é precisamente o modelo de negocio da plataforma dende a súa presentación en 2008, sendo especialmente rechamante que agora o multimillonario sudafricano critique a Apple cando foi decisión súa que a contratación do novo Twitter Blue fose exclusiva do iPhone, pois xa estaba establecido un mecanismo previo para a contratación vía web (libre das comisións de Apple).

Twitter quere manter a confianza

Neste contexto tan enrarecido no blog oficial da compañía publican unha entrada para defender os pasos que están a dar para facer realidade o que dan en chamar Twitter 2.0, no que lanzan basicamente unha chamada de tranquilidade aos anunciantes, sostendo que os obxectivos e as normas de Twitter non mudaron nas últimas semanas e insistindo en que traballan na loita contra os contidos que violan as súas normas, á vez que pretenden xustificar os seus erros ao explorar novos camiños. Por desgraza, a mensaxe publicada non parece axustarse en absoluto á realidade, ao terse reducido drasticamente os recursos para a moderación de contido e incluso realizar indultos a contas suspendidas permanentemente (vulnerando as normas de Twitter).

PUBLICIDADE