Twitter deixa de tomar medidas contra a desinformación relativa á COVID-19

martes, 29 de novembro do 2022 Marcus Fernández

A sombra sobre Twitter non cesa de medrar, e tras o conflito de Musk con Apple, sae á luz un informe da propia compañía sobre a desinformación relativa á COVID-19 no que salientan que dende o 23 de novembro Twitter non aplica a política de información enganosa relativa á COVID-19, sen dar unha explicación pública sobre este cambio de postura.
Twitter tomaba medidas contra a desinformación relativa á COVID-19 como un xeito de salvar vidas, polo que deixar de denunciar os contidos que poden ser perigosos para a saúde pública non parece algo doado de xustificar, e proxecta unha imaxe moi negativa de Twitter, que vese agora como un espazo moito menos seguro que antes.
Neste momento podemos ver chíos que hai uns meses borraríanse case ao instante, como no que Kim Dotcom suxire que as vacinas matan a máis xente que a COVID-19, e que aínda podemos denunciar, amosándosenos unha serie de formularios que nos levan a un texto que asegura que «non está permitido utilizar os servizos de Twitter para compartir información falsa ou enganosa sobre a COVID-19 ou os procesos políticos», que sería o motivo da denuncia a presentar, e ante a que farán ouvidos xordos en virtude da nova política da compañía.
Esta situación claramente coloca a Twitter ante unha situación cada vez peor fronte ás autoridades gobernamentais de varios territorios nos que opera a plataforma social, que previsiblemente imporán serias sancións a Twitter polas irregularidades das últimas semanas.

Forte crise publicitaria

A desconfianza dos anunciantes ante a actual situación é innegable, e aínda que non hai datos oficiais, dende Platformer tiveron acceso a datos relativos á rexión que comprende Europa, Oriente Próximo e África, que até hai pouco rexistrara unha caída da publicidade dun 15% interanual, pero que agora estarían a rexistrar unha caída do 49% da publicidade na última semana.
A crise de ingresos estaría a producirse no peor momento posible, xa que neste momento están a desenvolverse internacionalmente campañas relativas ao Black Friday, o Cyber Monday e o Mundial de Fútbol, e o comezo da campaña de Nadal, de aí que o que tería que ser o mellor trimestre do ano rematará sendo o peor con moita diferenza.

PUBLICIDADE