Twitter en Galego recibirá este 20 de xullo o Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

luns, 19 de xullo do 2021 S. P.

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño e o alcalde de Fene, Juventino Trigo, presidirán este vindeiro 20 de xullo ás 20.30 o acto de entrega dos Premios Rosalía de Castro a Xaquín Marín, á Agrupación Astronómica Ío e á iniciativa Twitter en galego. O acto, aberto ao público con reserva previa, na Pista Polideportiva da Fonte do Campo, contará coa actuación de Xabier Díaz.
A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, destaca que os premios “recaeron en persoas e entidades que están a desenvolver un traballo de especial interese para que a nosa lingua avance en todos os ámbitos, tamén en especializados e nas persoas máis novas que son o futuro do galego”.
Para asistir á cita da Deputación, é necesario facer reservas nos correos cultura.deportes@fene.gal e no silvia.seixas@dacoruna.gal.
Como dixemos, os Premios Rosalía de Castro, edición XII, irán dar este ano ao debuxante Xaquín Marín (categoría persoas), á Agrupación Astronómica Ío (entidades) e á iniciativa Twitter en Galego (modalidade de iniciativas de xente nova), adicada esta última a reivindicar a presenza activa da nosa lingua na coñecida rede social.
O xurado estivo composto pola técnica de normalización lingüística do Concello da Coruña, Julia Rigueiro, o profesor da Universidade da Coruña, Carlos Caetano Viscaíno e, en representación dos proxectos gañadores da edición anterior, Ana Belén Costoya de Nós TV e Inmaculada Seage polo Club de Debate, coa deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, como presidenta e a técnica da Deputación, Dores Sánchez Alegre como secretaria.
O debuxante Xaquín Marín é o gañador na categoría de persoas que destacan na promoción da lingua galega por, segundo o xurado, "o compromiso continuado no tempo, polo alcance social do seu traballo e por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual”.
Na categoría de entidade que destaca na promoción da lingua galega a gañadora é a Agrupación Astronomía Ío, “por impulsar a lingua galega nun ámbito tan especializado como a astronomía e sen bagaxe no noso idioma que ademais conseguen trasladar dun xeito accesible e atractivo para o público xeral”.
Finalmente, na categoría de proxecto concreto de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos treitos da poboación de menor idade, nenez e mocidade, e que “atenda espazos emerxentes de uso da lingua”, a gañadora é a iniciativa Twitter en Galego, promovida por Carlos García Vieito da que se sinala que coordina “o proceso de tradución para configurar esta plataforma social na nosa lingua e fornece un referente nas redes sociais, para o público xeral e para a mocidade en particular, facendo que cada día máis chíos sexan en galego”. Valórase tamén que Twitter en Galego cree “terminoloxía que permite colocar a lingua galega na nova realidade dixital” e destácase o “grande impacto social con máis de 15.000 persoas usuarias coa conta configurada en galego”.
O premio está dotado con 2.100 euros por categoría.

PUBLICIDADE