Twitter pasou a súa noite máis escura

venres, 18 de novembro do 2022 Marcus Fernández

A pasada noite Twitter viviu un dos peores momentos na súa historia, cunha chea de usuarios que acudiron en masa a despedirse do resto dando por feito que en calquera momento a plataforma social que agora pertence a Elon Musk remataría colapsando ante a falta de enxeñeiros para solucionar os problemas que poidan xurdir nos vindeiros días (especialmente ao ter en conta que temos un mundial de fútbol por diante, o que suporá fortes picos de tráfico).
Esta situación é consecuencia do ultimato que Musk lanzou aos seus empregados nun correo electrónico no que instábaos a cubrir un formulario en liña no que se comprometían a traballar máis horas e con maior intensidade para superar a difícil situación da empresa e crear o que deu en chamar Twitter 2.0. No texto Musk aseguraba que os traballadores que non adquiran tal compromiso coa empresa recibirían 3 meses de salario como indemnización.
A hora tope para cubrir o formulario de Musk eran as 5 da tarde nas oficinas de Twitter (23:00 en España), levando a que algúns enxeñeiros chegasen a facer unha conta atrás ao máis puro estilo de Fin de Ano, como un xeito de despedirse dunha compañía na que levaban moitos anos a traballar, dando a impresión a nivel público de que os abandonos na compañía estaban a ser masivos, de aí que se convertese en trending topic o cancelo #RIPTwitter.
Antes das cinco da tarde a compañía tería preto de 2.900 empregados, pero fontes internas da compañía cifran en centos a cantidade de enxeñeiros que deixan a compañía tras o ultimato, e aínda que non habería un dato oficial, unha enquisa anónima reflicte que o 73% dos traballadores tería deixado Twitter. De feito, non son poucos os que aseguran que moitos dos que quedan non é por un compromiso real, senón porque teñen asociado o seu permiso de residencia ao posto de traballo, sendo só uns poucos os que están conformes co xeito de proceder de Musk.
Ante esta situación, e por temor a que os traballadores que deixan a compañía cometesen actos de sabotaxe, aseguran que Twitter mandou os seus empregados a casa, cancelou as súas tarxetas de acceso e instounos a non volver aos centros de traballo até o vindeiro luns, lembrándolles que teñen que manter a confidencialidade sobre a compañía, ou sexa, que non poden comentar a situación cos medios de comunicación nin nas redes sociais.
Durante a noite non faltaron movementos de protesta contra Musk (como a proxección de descualificacións contra a súa persoa na fachada da sede de Twitter en San Francisco), aínda que a tónica habitual foi a de usuarios dando por feito que a plataforma social está preto da súa desaparición, e incluso dando por feito que ao longo da noite remataría desaparecendo, o que non aconteceu, nin hai indicios de que vaia suceder, aínda que as perspectivas son moi malas, especialmente se para a semana que vén Twitter non muda o xeito de tratar aos seus empregados.

PUBLICIDADE