Twitter perde usuarios por primeira vez na historia

xoves, 11 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Nas últimas semanas non cesan de chegar novas relativas a Twitter, con cambios e innovacións dentro desta plataforma social que claramente estaba tratando de amortiguar o impacto que pode ter nos mercados a publicación dos seus resultados financeiros relativos ao último trimestre de 2015, xa que non só non conseguiron medrar en só 3 millóns de usuarios como tiñan previsto, senón que experimentaron unha caída de usuarios activos de 2 millóns, quedando en só 305 millóns de usuarios, que aínda que é un volume importante, parece marcar un teito que non agrada aos investidores.
A compañía si conseguiu un bo volume de ingresos (710 millóns de dólares, o que supón un crecemento internaual do 48%), pero case todos estes ingresos proveñen do mercado norteamericano, onde só ten a quinta parte dos usuarios, polo que queda claro o desaproveitamento do mercado global no que está presente Twitter.

Promesas de cambio

Para corrixir a situación actual, e conseguir recuperar o seu crecemento, dende Twitter comprométense a realizar cambios, pulindo o seu servizo principal, apostando polo vídeo en directo (avanzando na xa anunciada integración de Periscope), promovendo aos creadores de contidos e influencers (que perderon o interese en Twitter nos últimos meses, centrándose noutras plataformas), mellorando a seguridade (especialmente loitando contra o acoso de distintos tipos) e dando facilidades aos desenvolvedores (contra os que deron moitos pasos no pasado).
Unha das cousas que parecen quere mudar é un elemento fundamental en Twitter: a sintaxe baseada en arrobas, nas que é doado confundir cando se cita a un usuario e cando se responde ao que está a dicir, o que entenden os usuarios máis experimentados pero afasta claramente aos novatos.
Queda agora agardar para ver se estas medidas conseguen manter o pulo desta compañía que o mes que vén celebra a súa década de vida, e que pretende manter o seu impacto global durante a década seguinte.

PUBLICIDADE