Twitter permite iniciar vídeos en directo dende a súa aplicación móbil

xoves, 16 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Dende hai unhas poucas horas Twitter comezou a implantación global dunha nova funcionalidade da aplicación de Twitter para Android e iOS que supón un importante cambio: a posibilidade de iniciar unha retransmisión de Periscope directamente dende a aplicación.
Deste xeito, cando esteamos na aplicación de Twitter, se pulsamos no botón de cámara xa non só teremos como opcións disparar unha fotografía, gravar un vídeo e elixir unha imaxe da nosa galería, senón que tamén poderemos iniciar unha retransmisión en directo, no que parece un claro paso para evitar que Facebook Live (integrando na aplicación de Facebook) continúe a gañar cota nun mercado que estaba a dominar Periscope.
Ao igual que podemos integrar chíos con comentarios, fotografías e vídeos noutras páxinas web, en breve tamén será posible inserir vídeos en directo en páxinas web, para que as retransmisións poidan seguirse do mesmo xeito que nas cronoloxías de Twitter, conseguindo así unha maior visibilidade e converténdose nunha funcionalidade moi práctica para que realice unha retransmisión (que sabe que non quedará pechada só a usuarios de Twitter).

PUBLICIDADE