Twitter permitirá realizar enquisas de xeito nativo

mércores, 21 de outubro do 2015 Marcus Fernández

As plataformas sociais teñen moitas limitacións, o que fai que os usuarios empreguen o enxeño para topar solucións, de xeito que nos últimos anos era bastante frecuente ver en Twitter como alguén expoñía unha pregunta e instaba aos seus seareiros a rechouchíar ou marcar o chío como favorito para indicar unha resposta afirmativa ou negativa, pero esta práctica quedará no pasado, xa que veñen de anunciar que en breve calquera usuario de Twitter poderá crear enquisas cun par de toques, facilitando así a recepción de opinións dun xeito moi áxil.
Deste xeito, agora será moito máis frecuente atopar en Twitter preguntas sobre se un partido gañará os comicios electorais, o resultado dun partido de fútbol ou simplemente sondaxes de opinión sobre temas de actualidade.
Esta nova solución permitirá que se faga unha pregunta e se poida elixir entre dúas opcións de resposta, estando a posibilidade de responder á consulta durante 24 horas. Os usuarios poderán botar en calquera enquisa e a opción escollida non se compartirá publicamente.
Durante os vindeiros días irase incluíndo esta nova opción na versión web de Twitter e nas aplicacións para iOS e Android, de xeito que debaixo da caixa de texto para chíar aparecerá unha icona que facilitará a creación de enquisas.

PUBLICIDADE