Twitter permitirá seguir temáticas

mércores, 6 de novembro do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro día 13 Twitter comezará a aplicar un cambio realmente importante no xeito de definir os contidos que poderemos ver nesta plataforma, xa que, aparte de permitir seguir a outros usuarios, tamén permitirá que sigamos temáticas, comezando por máis de 300 de temas como o deporte, os videoxogos ou o lecer.
Esta funcionalidade leva en probas dende agosto, e parece estar xa madura para o seu lanzamento, facendo máis doado que os usuarios descubran novas contas e conversas que se axusten aos seus intereses, o que pode lembrarnos ao que fai Instagram ao permitir seguir cancelos.
Esta nova funcionalidade facilitaría o descubrimento de contidos sen ter que recorrer ao buscador integrado en Twitter, facendo máis natural a exploración de contidos variados, aínda que a aceptación desta función dependerá principalmente do atinada que sexa a selección de chíos que publique Twitter dentro de cada temática, proceso que depende de algoritmos que non sempre están todo o afinados que nos gustaría.
Pero este non é o único cambio que prepara Twitter se atendemos a un dos seus máximos responsables, Dantley Davis, quen asegura que para o ano que vén permitirán que os usuarios poidan excluírse dunha conversa, que poidan limitar quen pode rechouchiar as súas publicacións, que poidan impedir mencións sen permiso, que poidan eliminar mencións nunha conversa e que poidan limitar a distribución dun chío a un cancelo, un interese ou un grupo de amigos. En definitiva, que Twitter busca dar máis poder aos usuarios á hora de controlar con quen conversan, o que claramente buscaría loitar contra o problema de acoso que leva anos enquistado nesta plataforma social.

PUBLICIDADE