Twitter podería permitir adxuntar texto aos chíos

xoves, 7 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O co fundador de Twitter, Jack Dorsey, suxire os cambios que chegarán á plataforma mediante un críptico chío.

Un ruxerruxe sobre Twitter está a causar certa confusión estes días, xa que rumoréase que vai eliminar a súa limitación histórica dos 140 carácteres, establecendo como tome os 10.000 carácteres, o que parecería unha tolería por rachar unha das bases desta plataforma: a súa axilidade. Precisamente por iso están a matizar o que sería esta novidade en Twitter, que non sería tan distinta aos cambios que vimos nos últimos meses, ou sexa, que teríamos un novo xeito de engadir contido aos chíos.
Deste xeito, igual que agora podemos engadir imaxes, vídeos e outros chíos (prestacións que son relativamente recentes) tamén sería posible engadir bloques de texto que non entorpecerían a nosa cronoloxía, e que permitiría evitar ter que utilizar trucos como publicar texto en forma de imaxe (como fan algúns usuarios cando queren difundir comunicados).
Estaríamos así ante unha solución a un problema real, que permitiría engadir máis contido sen matar a esencia da plataforma e evitando de paso que os usuarios teñan que saír da aplicación ou web de Twitter para ler certos contidos.
Estes chíos expandidos poderían entrar en funcionamento antes de rematar o presente trimestre.

PUBLICIDADE