Twitter renova a portada da súa web e ábrese máis a usuarios sen rexistrar

martes, 2 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A versión móbil da web de Twitter achega agora contidos relevantes a usuarios sen rexistrar

Dende Twitter aseguran recibir visitas de máis de 500 millóns de persoas ao mes interesadas en ver o que acontece no mundo, e pensando nesta apertura, hoxe anuncian un importante cambio en Twitter.com, que agora presentará contido relevante de distintas temáticas para os usuarios que non estean rexistrados, o que converte a este espazo na web nunha ferramenta moito máis aberta e accesible, á vez que tamén pode animar a algúns a rexistrarse como usuarios en Twitter para facer un uso máis activo da plataforma.
Esta nova funcionalidade está a espallarse internacionalmente ao longo de 23 países (entre os que figura España) e para poder vela, chega con que visitemos Twitter.com dende o noso smartphone, que amosará historias de actualidade para usuarios sen rexistrar, que até o momento practicamente só podían ver chíos soltos aos que chegaba a través dunha ligazón.
Pero os cambios non quedarán na versión móbil da web de Twitter, senón que tamén están a preparar unha páxina de inicio totalmente renovada, e moito máis visual, que actualmente está dispoñible dende EE.UU. e Xapón, e que presenta diferentes temas e historias de actualidade que poden resultar de interesen segundo a localización e a actividade en Twitter de cada usuario. Deste xeito queren que o mellor de Twitter teña unha maior visibilidade, conseguindo así unha experiencia de uso máis satisfactoria.

Así loce a nova portada da web de Twitter, en probas nos EE.UU. e no Xapón

PUBLICIDADE