Typepad bota o peche en setembro

xoves, 28 de agosto do 2025 Marcus Fernández

O servizo de hospedaxe de blogs Typepad, lanzado hai preto de 22 anos e baseado en Movable Type, levaba varios anos deixando de aceptar novas altas, remitindo aos usuarios interesados en crear un novo blog a Bluehost (compañía dos mesmos propietarios), o que non auspiciaba nada bo para este histórico servizo, que finalmente anuncia o seu peche.
Será o 30 de setembro cando Typepad deixará de operar, polo que os usuarios actuais teñen pouco máis dun mes para migrar os contidos a outros servizos, xa que ao rematar setembro as contas de usuario e os contidos asociados eliminaranse de xeito permanente.
Por fortuna, a migración entre Typepad e outras plataformas de blogs que funcionen con Movable Type ou WordPress é relativamente doada, polo que o cesamento das actividades de Typepad non suporá un trauma, destacando simplemente pola desaparición dun servizo histórico do fenómeno dos blogs que marcou toda unha época eclipsada pola emerxencia das plataformas de redes sociais.