R e Orange suspenden nos seus servizos de televisión

martes, 24 de outubro do 2017 Redacción

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de presentar os resultados do seu primeiro Estudo Operadores e Televisión, unha investigación que avalía os principais aspectos que poden determinar a elección dunha compañía (en detrimento doutra) por parte dos consumidores, aspectos ligados á oferta televisiva e á calidade en Internet dos seis operadores examinados. Para realizar este estudo UCGAL atendeu a listaxe de canles da oferta básica de televisión dos distintos operadores e tamén das principais plataformas de streaming (Netflix, HBO España, Wuaki TV e Amazon Prime Video), así como as funcionalidades ofertadas e os datos de calidade. Os operadores analizados foron Euskaltel, R Cable, Vodafone, Movistar, Orange e Telecable. No informe, Movistar sobresae como “o operador coa mellor opción en servizos de televisión” e consegue unha nota alta en calidade.
Euskaltel consegue a segunda posición e Telecable a terceira. Na listaxe, o operador con peor puntuación é Orange, seguido de R Cable. “No estudo ambas compañías lograron aprobar”, sinala UCGAL, “pero é máis que evidente que teñen moitos aspectos que mellorar na súa oferta”.
Á hora de analizar as funcionalidades das distintas opcións de TV ofertadas, UCGAL valorou a práctica totalidade das mesmas: control do directo, acceso a contidos dos últimos días, oferta VOD, ver sen conexión, multidispositivos e simultaneidade, aplicacións móbiles, control familiar, servizo de gravación, accesibilidade e canles da oferta básica.
Como dixemos, os resultados en relación coas funcionalidades e oferta do servizo de televisión sitúan a Movistar no primeiro posto con 9,82 puntos, mentres que Orange suspende cun 4,92. Segundo a entidade galega de usuarios e consumidores, “a cualificación de Movistar fundaméntase en grande medida no seu amplo catálogo de contidos, a posibilidade de visualización sen conexión e a súa aposta pola accesibilidade das persoas con discapacidade visual ou auditiva”.
En segundo lugar sitúase Euskaltel cun 7,36 e Telecable en terceiro posto cun 7.
No referente á calidade, os aspectos a considerar para a realización do estudo foron: tempo de subministro, avarías, tempos de reparación de avarías e reclamacións. Analizados os parámetros que afectan á calidade do servizo de Internet, UCGAL concluíu que Movistar, cunha nota de 8,73, ofrece a maior calidade con case tres puntos de diferenza sobre o último, R Cable, que non chega ao 6. Só outro operador supera a cualificación de oito, Euskaltel (8,53).
No que respecta ao tempo que transcorre dende o intre no que o operador recibe unha solicitude válida de subministro dun acceso a Internet sobre unha liña en servizo até o instante no que o servizo actívase para o seu uso, o mellor dato correspóndelle a Telecable cunha media de 12,67 días, seguido de Movistar e Euskaltel con 13 días.
No que atinxe ás avarías, a investigación reflicte que a porcentaxe máis baixa correspóndelle a Movistar cun 2,51% seguido de Telecable (2,88%). Sobre o tempo de reparación das mesmas, volve ser Movistar o operador con mellor puntuación xa que repara o 95% das avarías de menor duración nun tempo máximo de 44,5 horas e case o 97% dentro do prazo obxectivo.
Para rematar, no apartado das reclamacións relativas ao servizo telefónico e/ou ao servizo de acceso a Internet, Vodafone é o operador con menor porcentaxe de reclamacións en relación ao servizo fixo. No estudo tamén se sinala “que os peores datos son para Telecable e R Cable”.

PUBLICIDADE