UE Roll, o altofalante Bluetooth ideal para o verán

martes, 16 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Ultimate Ears, marca de Logitech especializada en auriculares e outros produtos de son, presenta un novo produto para arrasar este verán, o UE Roll, un altofalante Bluetooth sen fíos, cunha sorprendente forma circular que busca crear unha experiencia sonora de 360 graos, e que está preparado para levar enriba, resistindo auga (conta con certificación IPX7) e un uso diario bastante agresivo, pensando en empregarse para poder gozar da música durante actividades ao aire libre.
O UE Roll comunícase por Bluetooth co noso smartphone (até a 20 metros de distancia), contando tamén cunha aplicación oficial para iOS e Android (o que permitiría o seu acendido e apagado remoto, empregar o altofalante como espertador ou incluso o emparellamento de varios altofalantes de Ultimate Ears para que todos reproduzan a mesma música e así converter o ambiente nunha auténtica festa).
O altofalante pode pendurarse cunha correa da nosa roupa, dunha mochila... e a súa batería achega unha autonomía de até 9 horas, polo que debería ser dabondo para as nosas saídas a exteriores. Estará dispoñible en varias cores e deseños a un prezo de 99,99 dólares, esperando que chegue a Europa este mesmo mes. Os primeiros compradores do UR Roll recibirán de balde un Floattie, ou sexa, un pequeno flotador que facilita o uso do altofalante na auga.

JPEG - 114.2 KB
Un flotador facilita o uso do UE Roll na auga



Vídeo promocional do UE Roll

PUBLICIDADE