UFD (Naturgy) mellorará a dixitalización e a rede eléctrica en Galicia

luns, 3 de xuño do 2024 S. P.

Dende o grupo Naturgy anuncian que a UFD, a súa distribuidora eléctrica, investirá 590 millóns de euros até 2027 para reforzar e dixitalizar a súa rede eléctrica en Galicia co obxectivo de optimizar o servizo aos seus clientes e favorecer o desenvolvemento da transición enerxética.
Os investimentos previstos neste período destinaranse a innovación e aplicación de novas tecnoloxías vinculadas coa telemedida e a sensórica, así como ao robustecemento das infraestruturas a través da construción de novas liñas ou subestacións como tamén á renovación ou modernización de instalacións xa existentes. Só en 2024, a compañía investirá en Galicia 161 millóns de euros, que destinará a proxectos de supervisión avanzada en baixa tensión, actuacións en media e alta tensión, ciberseguridade e xestión avanzada de activos.
As redes de distribución eléctricas xogan un papel estratéxico para impulsar as transicións enerxética e dixital, garantindo a subministración eléctrica e apoiando a cada vez maior integración de xeración renovábel e o desenvolvemento de novos servizos como o autoconsumo para avanzar nos obxectivos de descarbonización.
Indo ao caso galego, entre outras actuacións de mellora das súas instalacións, a compañía ten previsto construír novas subestacións en Ribeira (A Coruña), Tomiño (Pontevedra) e Portomarín (Lugo), ampliar a capacidade das subestacións de Pazos (Pazos de Borbén), Atios (Porriño), Tibo (Caldas de Reis) e Frieira (Ourense), así como axeitar as subestacións de Tambre (Noia), A Estrada, Vilagarcía, Vilalonga (Sanxenxo), San Jorge (Cercedo-Cotobade), Barbaña (Ourense), O Barco de Valdeorras e A Rúa. Na provincia de Pontevedra, a distribuidora prevé construír a nova liña de alta tensión entre os municipios do Irixo e Lalín, e outra entre o municipio de Barro e a parroquia de Vilalonga (Sanxenxo).
UFD dá servizo en Galicia a 1,6 millóns de puntos de subministración en 286 municipios, a través dunha rede de 60.300 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión. A compañía conta cunha Plataforma Dixital de Servizos, un espazo onde os usuarios poden realizar todas as súas xestións desde calquera dispositivo, a calquera hora e desde calquera lugar, e o principal punto de contacto entre os diversos axentes do sistema eléctrico.