UNICEF Galicia advirte do incremento do ciberacoso e o sexting na nosa terra

xoves, 8 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A Facultade de Educación de Santiago acubillou este 8 de febreiro unha xornada de UNICEF Galicia sobre novas tecnoloxías, sobre fenda dixital na mocidade e sobre os riscos derivados de converter as novas tecnoloxías en armas e instrumentos dos acosadores. O encontro, que serviu para presentar informe da dita ONG Os nenos e nenas da fenda dixital en España 2018, puxo o foco na necesidade de mobilizarnos (familias, colexios, pais, nais, institucións, organizacións internautas de pé) contra as prácticas de intimidación e violencia derivadas dun mal uso das novas ferramentas da comunicación. Prácticas como o sexting, o grooming ou o ciberacoso, hábitos que, segundo UNICEF Galicia, están cada vez máis estendidas entre os nosos adolescentes, con especial risco para os nenos das comunidades xitana, inmigrante e LGTBI.
Segundo se fixo saber no acto de hoxe, en España, “o 95% dos nenos entre 10 e 15 anos usa Internet, pero aínda hai 300.000 nenos e adolescentes que non empregou un computador e 140.000 que non tivo un só contacto na Rede”. As consecuencias disto son, evidentemente, unha situación discriminatoria con respecto a aquelas crianzas que, por razóns xeográficas ou económicas ou sociais, non teñen oportunidade de convivir na Sociedade do Coñecemento. En palabras de Cristina Junquera, responsábel de Incidencia Política e Estudos de UNICEF en España, “nun mundo onde todo é dixital, estar fóra do TIC é unha forma máis de exclusión”. Na súa opinión, un déficit nas capacidades, habilidades e competencias dixitais sobre o uso destas tecnoloxías “é un motivo de desigualdade e pode levar á exclusión no futuro”.
No informe tamén se indica que entre as comunidades que máis atrancos ten para tirar proveito das novas ferramentas áchase a comunidade xitana. Así, malia ser frecuente que os nenos deste colectivo teñan móbiles, “a maioría non sempre dispón de tarifa de datos para conectarse”, sinálase no estudo, reflectindo que dun estudo da Fundación Secretariado Xitano extráese que o 22% dos mozos xitanos non teñen Internet en casa por motivos económicos.
A respecto de todo o devandito, Natalia Gómez Fidalgo, técnica de Intervención Social da Fundación Secretariado Xitano, explicou na xornada celebrada este 8 de febreiro que “a pobreza é sen dúbida unha das barreiras para acceder a Internet, e outro atranco sería o uso que se fai das TIC. Ou sexa, o mal emprego que se fai destas ferramentas.
O encontro tamén contou coa presenza da presidenta do Consello de Participación Infantil de Castrelo de Miño, Edita Pousada, que trasladou as recomendacións dun grupo de crianzas galegas para facer un bo uso do TIC e, asemade, puxo o foco no caldo de cultivo para a violencia que se crea arredor do anonimato e a viralidade inherentes ás redes sociais. Segundo fixo saber, “os riscos en liña son o elemento máis subliñado e alarmante cando se aborda a relación entre nenos e redes sociais en Internet. A maioría de nós sentiuse violentado por actitudes en redes sociais de carácter agresivo tanto cara á nosa persoa como cara a terceiros. Todos coñecemos a algunha persoa, persoal ou virtualmente, que sufrise eses ataques”.
Outro dos especialistas presentes na xornada foi Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social da USC, Universidade de Santiago de Compostela, quen lembrou unha cifra certamente preocupante: arestora, aproximadamente 1 de cada 5 adolescentes galegos presenta un uso problemático da Internet. Entre os hábitos que meirande inquietude xeran está sen dúbida o sexting, unha práctica relativamente frecuente na nosa terra, ou o feito de que ao redor de 20.000 menores galegos combinasen con persoas que coñeceron por Internet, “o cal constitúe un caldo de cultivo especialmente perigoso para a nova forma de pederastia coñecida como grooming”, explicou.
Pola cita de Compostela tamén pasou Fernando Gil, xefe do Departamento de Sociedade da Información da axencia AMTEGA, quen sinalou que é dos obxectivos da axencia “dotar á cidadanía das competencias e recursos para participar activamente no desenvolvemento da Sociedade da Información”. Con este fin, dixo, “puxemos libros dixitais a disposición de máis de 12.000 mozas e mozos que estudan en Galicia no presente curso, abordando a aprendizaxe cos mesmos elementos cos que desenvolven a súa vida fóra das aulas”.

PUBLICIDADE