UNICEF, a USC e o CCII impulsan un estudo participativo para mellorar a relación dos adolescentes coas TIC

mércores, 24 de febreiro do 2021 S. P.

A organización UNICEF, a Universidade de Santiago e o CCII (o Consello de Colexios de Enxeñería en Informática, entidade estatal que preside o galego Fernando Suárez, presidente tamén do colexio galego CPEIG), impulsaron co novo ano un estudo sobre o uso da tecnoloxía en adolescentes, un proxecto participativo con feitura de evento online cuxo principal obxectivo é “mellorar a relación da mocidade coas novas ferramentas”. O programa #adolescentesTRIC é tamén un chamamento aos centros de secundaria de toda a España para achegaren as súas contribucións.
A iniciativa, cuxas cabezas visíbeis son o profesor e investigador da USC Antonio Rial e o presidente do CCII e do CPEIG, Fernando Suárez, busca recadar información “de primeira man” para avaliar as tendencias, intereses, oportunidades e preocupacións que teñen as e os adolescentes ao redor das tecnoloxías da relación, a información e a comunicación.
Segundo explican, “buscamos centros educativos que nos axuden a obter datos para unha mellor comprensión do uso que os mozos e mozas fan das redes e os posíbeis riscos que atopan no camiño. Para iso necesitamos a participación de centros educativos de secundaria de todas as comunidades autónomas, de forma que a mostra do informe reflicta fielmente á poboación adolescente española. Unha tarefa que nos ilusiona pero para a que necesitamos a axuda dos centros educativos”.
Unha enquisa sinxela
A investigación, que sería a máis ampla das súas características de cantas se teñen feito no ámbito europeo, foi concibida cun “enfoque construtivo” para desenvolver recomendacións e liñas de actuación que poidan botar unha man aos adolescentes e a toda a sociedade. Isto farase a través de enquisas online dirixidas a adolescentes de 11 a 17 anos e cun deseño avalado por expertos de ámbito nacional e internacional. Os inquéritos, para os que se garantirán as máximas confidencialidade e seguridade, realízanse nos centros educativos e completalos leva uns 25-30 minutos. O proxecto parte dunha mostra estimada de 100.000 participantes de toda España. O cuestionario está dispoñíbel en castelán, catalán, éuscaro, galego e valenciano.

PUBLICIDADE