UNICEF convoca en Santiago unhas xornadas que poñen o foco na fenda dixital na nenez

luns, 5 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Imaxe de Ueslei Marcelino

A Facultade de Educación de Santiago vai acoller esta quinta feira (xoves) 8 de febreiro unhas xornadas sobre TIC e sobre como estas están a chegar a unha gran cantidade de nenas e nenos pero deixando excluída unha significativamente importante porcentaxe de crianzas menos favorecidas (por motivos económicos, sociais, xeográficos e culturais ou simplemente por vivir lonxe das contornas onde hai máis posibilidades de vivirmos conectados). Nas xornadas presentarase ante os medios de comunicación o informe Os nenos e nenas da fenda dixital en España 2018 e, ademais, tentarase dar resposta ás seguintes preguntas: quen son os nenos que aínda non teñen acceso ás TIC, ou que teñen acceso limitado? Como viven os riscos e as oportunidades da Rede? Que impacto teñen neles perigos como o ciberacoso, o sexting ou a falta de privacidade?
No informe que se presentará nas xornadas, que veñen da man de UNICEF Comité Galicia, a ONG tenta analizar as devanditas as devanditas cuestións desde un enfoque de dereitos, pondo o foco en tres dos colectivos máis vulnerábeis: xitano, inmigrante e LGTBI.
Ademais da responsábel de Estudos de UNICEF Comité Español (Cristina Junquera), na cita contarase con expertos de Galicia en nenez e novas ferramentas dixitais dos ámbitos institucional, académico e terceiro sector (Milagros Otero, valedora do Pobo, Antonio Rial, doutor en Psicoloxía Social e profesor da USC, Fernando Gil, xefe do Departamento da Sociedade da Información de AMTEGA, Natalia Gómez, técnica de Intervención Social da Fundación Secretariado Xitano), así como coa presidenta do Consello de Participación Infantil de Castrelo de Miño, Edita Pousada, que trasladará as recomendacións dun grupo de crianzas galegas para facer un bo uso do TIC.

PUBLICIDADE