USC, UDC e Deputación da Coruña impulsarán o emprendemento con alicerce tecnolóxico

venres, 29 de xullo do 2022 S. P.

Os reitores da USC e da UDC, Antonio López e Julio Abalde, xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e José Ramón Rioboo, deputado de Emprego, acaban de asinar un protocolo de colaboración para impulsar na provincia, a través de Unirisco (a primeira empresa de capital risco vencellada aos proxectos dos campus da nosa terra), a creación de novas empresas innovadoras cunha importante base tecnolóxica. A Deputación financiará a participación da USC e da UDC na ampliación de capital desta sociedade.
Como lembraremos, Unirisco ten como misión fundamental contribuír a incrementar a transferencia de coñecementos das universidades e centros de investigación ao mundo empresarial, achegando financiamento, participando no capital e concedendo préstamos a proxectos emprendedores baseados en ciencia e tecnoloxía. Ademais, a próxima ampliación de capital da sociedade afectará a sectores considerados estratéxicos como a biotecnoloxía, a farmacoloxía, as tecnoloxías da saúde, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o sector agroalimentario, a Industria 4.0, a economía circular ou as novas formas de enerxía e sustentabilidade. USC e UDC son socias fundadoras e participan no accionariado desta sociedade de capital risco.
Tanto o presidente da Deputación coma os reitores das universidades salientaron “a necesidade de apostar decididamente pola innovación e as novas tecnoloxías, favorecendo ecosistemas de empredemento de base tecnolóxica”. En base a este convenio, USC e UDC promoverán a relevancia do criterio de territorialidade no desenvolvemento da estratexia de inversión de Unirisco.

PUBLICIDADE