UVigo e COPASA traballan en dixitalizar a inspección de vías de ferrocarrís de alta velocidade

venres, 21 de marzo do 2025 S. P.

Servíndose das últimas tecnoloxías co obxectivo de dixitalizar e automatizar a inspección de vías de ferrocarrís de alta velocidade para contribuír a mellorar tanto a súa rendibilidade como a súa seguridade é no que están a traballar un equipo da Universidade de Vigo e a empresa COPASA co proxecto estatal AIRIS.
Baixo o título: Adaptative and Intelligent Railway Inspection System (AIRIS), este proxecto está financiado cun total de 568.906,62 euros pola convocatoria de colaboración público-privada 2023 da Agencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e fondos da Unión Europea NextGeneration. Nel participa por parte da UVigo o grupo de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte-Aerolab, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE). Coordina a iniciativa por parte da UVigo o profesor e investigador Higinio González. O socio do proxecto, COPASA, Sociedad Anónima de Obras y Servicios, é unha empresa multinacional de construción de orixe ourensá.
Centrándonos en AIRIS, dicir que os seus promotores explican que un dos desafíos do sector ferroviario “é mellorar a rendibilidade dos ferrocarrís de alta velocidade, xa que as súas vías presentan maiores requisitos técnicos que as convencionais, o que incrementa os custos de construción, inspección e mantemento, sendo estes tres veces superiores aos da rede ferroviaria convencional”. Este feito remata afectando ao custo para o usuario final e á taxa de utilización.
Seguindo esta liña, AIRIS quere contribuír ao “necesario cambio no transporte ferroviario” mediante o desenvolvemento de novas solucións e métodos para reducir os custos das tarefas de inspección e mantemento mediante a aplicación de tecnoloxías como a IA, a dixitalización e as técnicas de mantemento preditivo. O proxecto céntrase en desenvolver tanto sistemas de inspección de vías como algoritmos de procesamento de datos “sen precedentes no mercado” e que permitan realizar estas inspeccións de maneira automática, reducindo a dependencia do factor humano e aumentando a frecuencia de recolección de datos.
O equipo de AIRIS busca desenvolver para o ano 2026 un sistema centralizado de inspección que reciba información, a través dunha rede inalámbrica 5G, de sistemas ópticos instalados en dresinas das vías férreas. “Esta ferramenta permitirá detectar diversas deficiencias de mantemento, como gretas en distintos tipos de travesas, ausencia de parafusos ou clips de fixación, cambios indesexados na xeometría do balastro ou a presenza de elementos como area en seccións de vía en placa”, afirman. A previsión é realizar o procesamento de datos a bordo a velocidades de até 75 km/h e comunicarse coa estación central no caso de detectar deficiencias no mantemento das vías. Entre as características de AIRIS, comentan os seus responsábeis, están que ten en conta a variabilidade dos diferentes elementos da vía, o que posibilita un mantemento preditivo eficiente.
Engadir que esta proposta dá continuidade a outro proxecto anterior desenvolvido polo mesmo equipo da UVigo e COPASA desde finais de 2021 até finais de 2024 chamado Railway Inspection and Information Model (RIIM), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Agencia Estatal de Investigación) e polos fondos NextGeneration da Unión Europea. Nel desenvolveron un prototipo de sistema de inspección para mellorar o mantemento preditivo dunha vía férrea, centrándose na detección de fisuras nas travesas e no estado das suxeicións do carril e do balastro.