A UVigo solicita a implantación en exclusiva do Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica

venres, 14 de xaneiro do 2022 S. P.

A Universidade de Vigo aprobou por unanimidade solicitar á Xunta a implantación en exclusiva do Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica, con vistas a a converter en realidade este titulo no vindeiro curso na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense. Así o aprobou este 13 de xaneiro o Consello de Goberno da institución académica.
A memoria para a solicitude da verificación do título de Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica aprobada este 13 de xaneiro foi realizada por unha comisión de redacción de cinco membros derivada da Xunta de Centro da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Para o seu desenvolvemento mantivéronse tamén contactos con diferentes axentes externos (asociacións da contorna, empresas relacionadas co sector aeronáutico, centros de investigación e tecnoloxía e centros que imparten a titulación afíns), contando a proposta con cartas de apoio de case medio centenar de entidades. Este título singular no Sistema Universitario de Galicia, indícase na memoria, “é fundamental para formar profesionais de alta cualificación no sector” e con el dáse a oportunidade ás e aos estudantes do Grao en Enxeñaría Aeroespacial que actualmente se forman na UVigo de que completen a súa formación e poidan alcanzar a titulación de enxeñeira ou enxeñeiro aeronáutico.
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo imparte desde o curso 2016/17 este grao, que ten, como se lembra no documento, “unha das notas de acceso máis altas de Galicia e cuxo 90 % do alumnado é galego”. O mestrado, recóllese na súa memoria, deseñouse buscando o obxectivo de formar enxeñeiras e enxeñeiros aeronáuticos “preparados para o seu acceso ao mercado laboral e impulsar o desenvolvemento do sector aeroespacial en Galicia”, destacando a importancia da formación de recursos humanos dentro da aposta por este sector desde o eido público e privado.
O título contempla a especialidade de Sistemas Espaciais, que ofrecerá ao alumnado “competencias relativas á concepción de produtos espaciais que correspondan ás necesidades do cliente, definindo funcións, conceptos e arquitecturas”. As prazas de novo ingreso ofertadas ascende a 30.
Na sesión tamén se aprobou por asentimento conceder os Premios Extraordinarios de Doutoramento correspondentes ao curso 2020-2021 a 30 estudantes da Universidade de Vigo. Doce dos galardóns corresponden ao ámbito de Ciencias, catro ao de Arte-Humanidades, sete ao de Enxeñaría-Arquitectura e outros sete ao Xurídico-Social. O 73% das persoas galardoadas son mulleres. As e os premiados recibirán, xunto aos Premios Extraordinarios de Grao 2020-2021 aprobados no anterior Consello de Goberno, a insignia da UVigo no acto de San Tomé, patrón da universidade, cuxa celebración se está ultimando tendo en conta a evolución da situación sanitaria.

PUBLICIDADE