Uber Eats chega a Vigo logo do seu desembarco en Ourense e Lugo

xoves, 7 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Uber, a compañía de transporte privado que opera baixo a plataforma de aplicación do mesmo nome, vén de estender as súas ramificacións na nosa terra. E faino en Vigo (e previamente en Lugo e Ourense) a través de Uber Eats, a ferramenta móbil de comida a domicilio, que comezou esta semana (onte mesmo) a súa andaina na cidade olívica.
Segundo informa a compañía, a arribada de Uber Eats nas tres localidades permitirá aos residentes “gozar en casa, na oficina ou en calquera recanto das ditas cidades da súa comida favorita, e só descargando a app a través de ubereats.com”.
Uber Eats conta nesta fase de lanzamento con máis de 60 restaurantes galegos dispoñíbeis. No caso de Vigo incorporáronse establecementos referenciais como Kyoto Galicia, A Tapa do Barril, La Leyenda, Interpizza ou Goiko Grill, entre outros.
“Hai uns meses lanzamos o noso servizo de comida a domicilio en Ourense e Lugo e hoxe continuamos o noso espallamento en Galicia co lanzamento de Vigo, cuxos habitantes poden gozar xa dunha nova opción práctica e sinxela para pedir comida a domicilio”, sinalan os responsábeis de Uber Eats, engadindo que a través da aplicación, que dispón de múltiples opcións de personalización, “poderán saber en todo momento onde se atopa o seu pedido, que estimamos recibirá nuns 30 minutos de media”.
O servizo está dispoñíbel de luns a venres, de 12h da mañá a 17h da tarde, e de 19h a 23:45h da noite. De sábado a domingo, de 12h da mañá a 23.45h da noite. En Uber Eats, non hai pedido mínimo e, o custo de envío será de 2,5 euros en todas as solicitudes a calquera hora do día.

PUBLICIDADE