Ubisoft comercializará un FPS como descarga dixital

luns, 22 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Non son poucos os xogos que ultimamente se están a distribuír actualmente exclusivamente como descargas a través das plataformas dispoñibles para a distintas consolas de videoxogos, especialmente no tocante a remakes de xogos clásicos (debidamente actualizados), pero sorprende que Ubisoft prepare o lanzamento de CellFactor: The Psychokinetic Wars para Xbox LIVE Arcade e PlayStation Network porque neste caso o xogo se trata dun título de acción en primeira persoa (FPS), xénero que tradicionalmente vai ligado á distribución en formato físico.
O xogo está a ser desenvolvido polos estudos de Immersion Games e permite que o usuario elixan entre disparar ou utilizar superpoderes telequinéticos, algo ao que xa estarán afeitos os usuarios que gozasen de El Poder de la Fuerza (no que grazas á Forza se manifestaban, entre outros, poderes deste tipo).
Este CellFactor contará con 30 retos para 1 xogador, 3 personaxes controlables e 4 modos multixogador (Death Match, Capture the Flag, Team Death Match e Assault) con soporte de ata 16 usuarios simultáneos. Chegará ás tendas a primeiros de 2009, e todo apunta a que optaron pola súa distribución dixital porque non se trata dun grande título cun acabado digno de venderse en caixa, o que parece seguir a tendencia actual de que os xogos non se teñen que limitar a grandes superproducións, atopando os xogos pequenos e de estudos independentes un nicho de mercado grazas ás novas plataformas de distribución.