Ubuntu chega á tenda de Windows 10

martes, 11 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A relación de Microsoft coa comunidade do software libre é máis próxima do que pode pensarse dende fóra, como ben quedou claro cando a compañía de Redmond entrou a formar parte da Linux Foundation, e nas últimas horas tivemos outra mostra que hai poucos anos podería parecernos un imposible: Ubuntu estréase na tenda de aplicacións de Windows 10.
Deste xeito será posible que os usuarios de Windows poidan empregar o Terminal de Ubuntu e executar ordes de Ubuntu dende a liña de comandos incluíndo utilidades como bash, ssh, git, apt e outros. Para que Ubuntu funcione baixo Windows 10 é preciso que antes vaiamos a Activar ou desactivar funcionalidades de Windows, alí activemos o Subsistema de Windows para Linux e reiniciemos o equipo.
Os desenvolvedores do programa Insider tamén teñen dispoñible dende hai un par de semanas as distribucións SUSE Enterprise Server 12 e openSUSE Leap 42, e espérase en que en breve estea tamén dispoñible Fedora.

PUBLICIDADE