Ultiman o sucesor espiritual de Patapon

martes, 10 de xuño do 2025 Redacción

Desenvolvido como sucesor espiritual do mítico Patapon, Ratatan aposta por unha mestura de acción rítmica, estética delirante e estrutura roguelike, conseguindo unha proposta tan estraña como fascinante que está a evolucionar a bo ritmo para converterse nun produto final ao longo do presente ano.
A diferenza do seu predecesor de PSP, en Ratatan os protagonistas non son os adorables Patapons, senón os Ratatans, seres animaloides cun só ollo e cheos de carisma. Estes líderes transmiten ordes ao seu escuadrón de Cobun, pequenas unidades de combate que executan accións como atacar, defenderse ou reagruparse ao ritmo das pulsacións.
A proposta mantén a esencia da serie orixinal, mais evoluciona e amplía a fórmula. Cada Ratatan conta cunha combinación distinta de Cobun (algúns especializados no corpo a corpo, outros no ataque a distancia) e con opcións para mellorar o seu equipo mediante a compra ou fabricación de armas. Estas posibilidades de personalización engaden unha capa estratéxica que cobra máis sentido nun contexto roguelike, onde cada partida implica a exploración dun portal cheo de inimigos, potenciadores e loitas contra xefes finais.
O xogo chegará a finais de 2025 a PC, Nintendo Switch, PS4, PS5 e Xbox Series X|S.
A versión de demostración do xogo dispoñible en Steam permite xa botarlle unha primeira ollada a esta proposta que promete poñer a proba o sentido do ritmo, a capacidade de liderado e a paciencia do xogador ante un exército de criaturas tan adorables como imprevisibles.

Así se deixou ver Ratatan durante o Summer Game Fest