Últimas prazas para a xornada sobre os retos da ciberseguridade en Galicia do Nodo Ciber.gal
venres, 9 de xuño do 2023
As
persoas interesadas en participar na
xornada Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de
futuro, que se celebra o 13 de xuño en Ourense, teñen
aínda oportunidade de inscribirse. O encontro, que é de balde,
está organizado polo Nodo Ciber.gal en colaboración co Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a
Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de
Vigo, no Campus de Ourense, na que se celebrará o evento.
O
obxectivo é “achegar aos asistentes o forte atractivo deste sector
para fomentar a creación de talento especializado, trasladarlles as
oportunidades reais que supón especializarse neste eido e que poidan
coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á
materia”, explican as entidades organizadoras.
Nesta
xornada colaborarán entidades e persoas referentes neste ámbito
como son o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román
Ramírez, coñecido experto en ciberseguridade e fundador da
RootedCon, entre outros.
As
persoas interesadas poderán inscribirse en modalidade online ou
presencial en todas as actividades do programa. Entre elas, destacan
unha mesa redonda na que se abordará a actualidade e o futuro da
profesión do CISO, que é a figura responsábel da xestión da
seguridade e protección da información que manexa unha organización
para mantela a salvagarda e previr ciberataques ou roubo de datos.
Moderada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, os relatores
participarán expoñendo a realidade e actualidade desta profesión
importantes CISOS do tecido empresarial galego e expertos nacionais
na materia.
Contarase
tamén cun relatorio que abordará a evolución e futuro do Nodo
Galego de Ciberseguridade, e con obradoiros prácticos simultáneos,
de xeito unicamente presencial, para espertar o interese pola
ciberseguridade. Todas estas actividades serán celebradas en horario
de mañá o martes 13 de xuño.