Últimos días para inscribirnos no encontro de emprendemento Pont-Up Store
venres, 27 de xuño do 2025
O encontro de emprendemento Pont-Up Store, que converte cada ano a cidade de Pontevedra na capital galega e estatal da innovación empresarial, vai quecendo motores de cara a súa vindeira edición. Segundo confirmou a organización, entrou na recta final o prazo para que as iniciativas interesadas en participar se inscriban e participen de balde no evento.
Así, as iniciativas empresariais que teñan iniciado a súa actividade nos últimos 42 meses poden presentar a súa candidatura a través da web de Pont Up Store ata o próximo venres 4 de xullo e conseguir un espazo de promoción gratuíto para participar no que sería, en palabras da organización, “o espazo de emprendemento que ofrece máis oportunidades de activación de marca no noroeste peninsular, tanto para servizos como produtos, e tamén para contacto con financiadores”.
A cita, que se celebrará os días 19 e 20 de setembro en Pontevedra, busca empresas que teñan iniciado a súa actividade emprendedora nos últimos 42 meses e que queiran darse a coñecer nun espazo gratuíto. As iniciativas interesadas en participar poden inscribirse de forma rápida de sinxela a través da web do evento para solicitar un stand ou para participar en distintas actividades de promoción dos seus produtos ou servizos dentro dun programa orientado a apoiar o emprendemento.
A feira Pont-Up Store está aberta ao público en xeral e reúne cada ano a miles de persoas (emprendementos, profesionais, estudantes, inversores, institucións, empresas, patrocinadores e medios de comunicación) que participarán nun extenso programa de charlas, mesas redondas, obradoiros e encontros de networking.

- A empresa gañadora da pasada edición do Pont-Up Store, Vanetta Food, con sede en Nigrán
A maiores das actividades que se desenvolverán para a cidadanía en xeral, Pont-up Store ofrecerá ás empresas recentemente creadas a posibilidade de promover a súa marca, buscar financiamento externo, posibilitar a venda dos seus produtos ou servizos en stands gratuítos, contrastar ideas de mellora ou contar cun espazo de networking, a través de 3 modalidades de participación.
O evento Pont-Up Store está organizado desde a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, na que se integran xa 220 empresas que se foron sumando ao longo das 11 edicións celebradas, co patrocinio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra no seu papel de patrocinador principal, a Universidade de Vigo como impulsora do evento e os apoios da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través do Igape e das áreas de Emprego e Igualdade, Abanca, R e Zona Franca de Vigo, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das iniciativas empresariais máis relevantes.
