Últimos días para matricularse nos novos títulos en IA e Algoritmos Verdes da UDC

martes, 10 de xuño do 2025 S. P.

Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), onde se impartirán os dous novos títulos propios da UDC en IA e Algoritmos Verdes

A UDC lembra que o vindeiro domingo, día 30 de xuño, remata o prazo de preinscrición para a primeira edición dos novos títulos propios da Universidade abeirados á Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes. Trátase do Curso de Experto en Intelixencia Artificial e Algoritmos Verdes, que se desenvolverá entre setembro e decembro de 2025, e o Nanomáster (Microcredencial) Algoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial: Deseño e Implementación, que se celebra entre setembro e outubro deste mesmo ano.
Como dixemos, os cursos están organizados no marco da Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, e, segundo informa a Universidade da Coruña, “o interesante das formacións non é só a temática, que supón un complemento formativo nos factores de sustentabilidade vinculados ás TIC para o alumnado e profesionais deste campo, senón que se trata de accións encadradas no concepto de longlife learning (formación ao longo de toda a vida) que promove a Unión Europea, polo que as tres permiten unha actualización de coñecemento nunha acción concentrada e, no caso da microcredencial, trátase ademais dun formato formativo novidoso que está implantando a UDC”.
Curso Experto en IA e Algoritmos Verdes
Con 25 créditos ECTS e un total de 625 horas de formación, o Curso de Experto en Intelixencia Artificial e Algoritmos Verdes está especialmente dirixido a profesionais en activo e persoas interesadas en adquirir coñecementos prácticos sobre o desenvolvemento e a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial dende unha perspectiva sostible. O programa será impartido por un equipo docente interdisciplinar formado por persoal investigador da UDC e especialistas de empresas tecnolóxicas líderes, así como de outras universidades.
A formación terá un marcado enfoque práctico, estruturado en módulos que abranguen desde os fundamentos da IA ata a súa aplicación sostible en contornas reais. O alumnado poderá traballar en proxectos colaborativos e resolver retos vinculados á sustentabilidade e á transformación dixital. As clases desenvolveranse os martes, xoves e venres, en horario de 16:00 a 20:00 horas.
Para acceder a este curso, requírese contar con formación universitaria en áreas relacionadas coas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) ou enxeñarías, así como coñecementos de programación e o prezo de matrícula é de 400 euros.
As dúas microcredenciais ofertadas, de 6 créditos ECTS cada unha, ofrecen unha formación intensiva durante cinco semanas, cun horario de luns e mércores de 16:00 a 20:00 horas. Estas formacións están deseñadas para persoas con coñecementos previos de programación que conten, como mínimo, con estudos de bacharelato, BUP, FPII ou un Ciclo Formativo de Grao Superior.
A primeira das microcredenciais céntrase na formación práctica e especializada no uso de tecnoloxías punteiras, como CPUs e TPUs, que aceleran o desenvolvemento de modelos de aprendizaxe automática. Ao longo do curso, aprenderanse tamén técnicas para optimizar arquitecturas e algoritmos, favorecendo unha implementación eficiente e sostible en contornas reais.
A segunda microcredencial, pola súa banda, analiza a IA aplicada a casos reais de estudo e control estatístico da calidade no marco da Industria 4.0 e 5.0, na que a sustentabilidade ten un papel fundamental. Proporcionarase formación técnica, metodolóxica e aplicada en bases de datos, aprendizaxe estatística, aprendizaxe máquina e control estatístico da calidade para resolver casos de estudo.
A UDC explica que “estas formacións están deseñadas para dar resposta ás necesidades de diferentes perfís”. Así, desde o ámbito académico amplían a oferta formativa e impulsa enfoques tecnolóxicos máis respectuosos co medio, e no contexto científico capacita a investigadores para innovar no deseño de modelos de IA eficientes, combinando teoría e práctica, así como a aplicación de técnicas avanzadas de IA a problemas medioambientais. A maiores, desde unha óptica profesional “abordan a crecente demanda de expertos en IA cunha sólida preparación técnica e unha visión clara dos retos da sustentabilidade”.
Estas dúas microcredenciais forman parte do programa Algoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial, unha iniciativa pioneira composta por catro microcredenciais complementarias. A realización das catro microcredenciais dará dereito á obtención dun título de Nanomáster, recoñecido pola súa especialización en IA sostible e tecnoloxías verdes. O prezo de matrícula é de 150 euros.
Tanto o curso de experto como estas primeiras microcredenciais ofértanse por primeira vez na UDC, e serán as instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), no Campus de Elviña, onde se impartan.
Máis información na web da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes.