Ultreia e Librebit formarán administradores de sistemas GNU/Linux para a súa contratación

luns, 6 de novembro do 2017 Redacción

A empresa galega Librebit, da que temos falado en Código Cero para salientar o seu importante labor espallando LibreOffice, vén de unir forzas coa tamén galega Ultreia no camiño de botar unha man na integración laboral da mocidade. Máis polo miúdo, ámbalas firmas están a impulsar unha iniciativa de emprego xuvenil que consiste en formar administradores de sistemas GNU/Linux. O proceso rematará coa selección e contratación dun profesional adestrado nos ditos sistemas libres en ambas empresas.
A iniciativa inclúe a achega dun curso de balde de 380 horas de duración sobre administración de sistemas GNU/Linux para a computación na nube, centrado na certificación LPIC-1 e LPIC-2. O curso será presencial en Vigo, na academia Octavio, durante os meses de novembro e decembro. Utilizaranse e aprenderanse ferramentas libres innovadoras e de gran presenza en empresas de todo o mundo, como Debian GNU/Linux, Amazon Web Services, NGINX, Vmware, MySQL, Ansible, Nextcloud, Puppet, OpenStack, etc.
Segundo informan Librebit e Ultreia, rematadas as horas de formación realizaranse prácticas nas dúas empresas, durante o mes de febreiro. Finalmente, en abril realizarase o proceso de selección cunha pequena proba final, para poder chegar a formar parte do equipo dunha das dúas firmas galegas de software libre.
Os requisitos para poder participar nesta iniciativa son ter entre 16 e 30 anos e formar parte do proxecto de Garantía Xuvenil do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Non é necesaria titulación nin certificación previa, “só ganas e interese por mellorar profesionalmente”, informan, engadindo que se terá moi en conta “a experiencia previa en administración de sistemas, en especial en sistemas Linux”. Valorarase tamén a capacidade de defenderse co idioma inglés, non sendo preciso ningún título que a avale.
As persoas interesadas non teñen máis que consultar a páxina da iniciativa dende a que poderán consultar calquera dúbida así como apuntarse.
Esta iniciativa faise dende a asociación Ineo e CONETIC co apoio de Red.es, cofinanciado polo Fondo Social Europeo 2014-2020 con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

PUBLICIDADE