Un 23% das distraccións ao volante dos galegos débense ao móbil

luns, 5 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Gonvarri e Movistar presentaron os días pasados un estudo sobre o comportamento ao volante dos cidadáns españois que guinda unha serie de datos sobre os hábitos das galegas e galegos na estrada, uns hábitos nos que irrompe o elemento tecnolóxico como elemento de dúas vertentes contrapostas: de distracción se se empregan as TIC de maneira incorrecta, de seguridade, sustentabilidade e comodidade no caso contrario. Así, no informe reflíctese que os galegos estabamos por enriba da media nalgunhas boas prácticas, pero tamén noutras máis perigosas.
En canto ás primeira, o 94% das e dos condutores da nosa terra respecta a distancia de seguridade cando adianta a un ciclista (mentres que de media en España faio un 86%), o 93% ten o seu vehículo en perfecto estado de revisión e o 90% declara que non conduce baixo os efectos do alcol.
Pola contra, o 67% dos condutores galegos admite ter algunha distracción ao volante que os puxo en perigo, das que un 23% debéronse a distraerse co teléfono móbil. De feito, os enquisados consideran que escribir mensaxes de Whatsapp, ler novas ou buscar información a través deste dispositivo son “algunhas das distraccións máis perigosas”. Outras malas prácticas que levamos a cabo durante a condución son falar por teléfono sen mans libres (15%), fumar (17,7%) ou escribir mensaxes (15%).
Xunto ao estudo publicado por Gonvarri e Movistar, a operadora encabeza tamén a campaña Rodamos Xuntos, que avoga polo respecto e a convivencia na estrada entre os condutores e os ciclistas, “co obxectivo de evitar este tipo de accidentes que se producen especialmente nos meses de verán”. A web www.rodamosjuntos.org ofrece consellos prácticos elaborados pola DXT e a RFEC mostrando algunhas das situacións máis frecuentes que viven ciclistas e condutores cada día.
Respecto da investigación da que se extraen os datos cos que abrimos este artigo, o estudo Emotional Driving: españois ao volante, distraccións e uso do móbil, forma parte do “compromiso de Movistar co benestar dixital”, unha campaña xeral para fomentar o uso en positivo das novas ferramentas, impulsando hábitos e metodoloxías que tiren proveito das TIC para mellorar a vida das persoas, non para o contrario. Seguindo este fío, Movistar puxo en marcha o portal www.dialogando.com.es, destinado a fomentar o uso responsábel e seguro de Internet e os dispositivos conectados, dende o que se desenvolven unha manchea de campañas de sensibilización como Love Story, sobre a suplantación de identidade na Rede; Dominó, sobre a importancia de frear o ciberacoso; #MyGameMyName, sobre o respecto e a tolerancia na contorna gaming e #TenemosLike, para axudar ás familias a conectar cos seus fillos tamén a través da tecnoloxía.

PUBLICIDADE